• A alcaldesa, Ana María López, acudiu ás instalacións acompañada dun técnico da Xunta e do arquitecto David Novo para valorar o estado actual do edificio.
• Esta valoración estrutural necesaria para a elaboración do informe final é o paso previo ao estudo das vías de financiamiento do proxecto.
A alcaldesa de Cariño, Ana María López, visitou este venres o centro de día da localidade acompañada dun técnico da Xunta de Galicia e do arquitecto David Novo, encargados da supervisión e valoración do estado e condicións actuais do edificio no que se atopan as instalacións.
Durante a visita realizouse unha valoración estrutural necesaria para continuar coa elaboración do informe final que determinará as necesidades técnicas e económicas para levar a cabo as obras. Este é o paso previo ao estudo de vías de financiamento que permitan realizar este proxecto. “Estamos comprometidos con facilitar aos nosos veciños e veciñas os servizos necesarios que lles permitan xestionar mellor o seu día a día en termos de coidados físicos e emocionais; e a reestruturación do centro de día é un paso crave para iso”, explicou a rexedora.
Este proxecto forma parte do plan de melloras dos servizos sociais que ten en marcha o goberno local para apostar por unha atención máis completa e real para as persoas dependentes ou que necesitan unha atención máis personalizada. Obxectivos que acompañan á recente aprobación por parte do Concello de Cariño do Plan de Obras e Servizos (POS+) 2026 da Deputación provincial da Coruña destinado a gasto social. Unha achega que permitirá cubrir os gastos derivados da prestación dos servizos sociais municipais e cuxa contía total ascende a 49.138,45 euros.
Este é o primeiro ano no que unha parte do POS+ empregarase para a dotación de recursos materiais, concretamente para a adquisición de catro guindastres e dous asentos giratorios de baño, co obxectivo de dar resposta ás necesidades das persoas usuarias con maior grao de dependencia. Estes novos recursos permitirán facilitar o traballo que realizan as profesionais do SAD, mellorando tanto a calidade do servizo prestado como as condicións laborais do persoal.



