• Os colectores están situados en catro puntos do municipio
• Recollerase de balde o aceite usado nos negocios hostaleiros que o soliciten
O Concello de Cerdido pon en marcha un novo servizo de recollida de aceite usado de cociña.
Este servizo nace froito dun convenio coa empresa Green Ambiental, e non terá custo ningún para as arcas municipais.
Haberá catro colectores de aceite, situados en Felgosas, situado xunto co grupo de contedores que está detrais do Concello; no Porto, na parroquia de Barqueira, no punto de recollida próximo á igrexa; nos Casás, ao lado dos colectores do campo da igrexa e na AC – 102, á altura da Vila da Igrexa, na parroquia de Cerdido.
Os veciños e veciñas poderán recoller o aceite doméstico, unha vez usado, en botellas de plástico reutilizadas -as de deterxentes, ou de auga, ou calquera outra – e despois botalas ao contedor, debidamente pechadas coa súa tapa.
A empresa xestora, ademais, comprométese a recoller de balde o aceite usado nos negocios hostaleiros do municipio que o soliciten.
O alcalde, Benigno Galego, anima a toda a veciñanza a sumarse e colaborar na recollida de aceites vexetais. Periodicamente, Cerdido irá coñecendo o volume de aceite que se deposita nos contedores e poderá poñer cifras a outro xesto máis pola natureza.
O rexedor incide na necesidade de “protexer o medio ambiente, evitando botar polo vertedoiro aceites usados que contaminen e, ademais, favoreceremos a economía circular, xa que se poden reutilizar para elaborar biocombustible”.



