• O pasado venres, 30 de setembro, o pleno municipal aprobou por unanimidade a adhesión ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, para o seu financiamento
• A actuación vai renovar o trazado que vai desde Vila da Igrexa ata Piñeiro
O Concello de Cerdido aprobou por unanimidade no pleno extraordinario celebrado o pasado venres, 30 de setembro, a súa participación no Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, tamén denominado POS Adicional, da Deputación da Coruña.
Con isto, apróbase a achega provincial asignada a dous obxectivos: cubrir os gastos correntes de servizos obrigatorios e a mellora do vial que vai desde Vila da Igrexa ata Piñeiro.
A actuación pretende mellorar o vial, que ten unha lonxitude de 850 metros, coa aplicación de aglomerado en quente a toda a plataforma, cubrindo os baches e perfilando os mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Tamén se fará a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal, ademais de colocar unha nova sinalización.
Con esta obra séguese avanzando a mellora nunha estrada que acapara unha gran parte do tráfico rodado do municipio.
Segundo apunta o alcalde, Benigno Galego, “con esta actuación melloramos as infraestruturas básicas existentes nestes núcleos do Concello, incrementando o espazo de carácter público de calidade e cubrindo as necesidades básicas destas zonas do noso municipio”.
“Esta obra segue a liña do noso equipo de goberno de dotar do máximo número de servizos básicos e infraestruturas á nosa veciñanza” engadiu o rexedor.



