A alcaldesa, Sandra Permuy, apela á comprensión da veciñanza e lembra que a suba no recibo do lixo deriva da inacción da Xunta de Galiza no modelo de tratamento de residuos e da aplicación de directivas europeas
O goberno local traballa para aplicar as medidas con transparencia, responsabilidade e o menor impacto económico posible para as familias
O Concello de Fene quere aclarar que a suba das taxas do servizo de recollida de lixo responden -tal e como explicou a alcaldesa, Sandra Permuy- “a decisións políticas e legais derivadas de cambios normativos europeos e estatais, e tamén ás consecuencias da falta de previsión da Xunta de Galiza no tratamento dos residuos”.
A rexedora explicou que a suba do recibo do lixo é consecuencia directa da aplicación da Directiva europea 2018/851 e da Lei estatal de residuos e chans contaminados, que obrigan aos concellos a cubrir -e repercutir na veciñanza- o custo real do servizo e penalizan os modelos baseados na incineración e vertedoiro, como é o caso de SOGAMA. “Estamos pagando as consecuencias dun modelo obsoleto, contaminante e insostible, que a Xunta non quixo cambiar. A verdadeira causa da suba do canon de SOGAMA é o burato financeiro que xera un sistema centralizado e ineficaz”, sinalou Permuy.
No caso de Fene, a modificación das taxas aprobada a finais de 2024, e vixente desde o 1 de xaneiro, establece un custo para vivendas particulares de 113,22 € anuais para as zonas con recollida un ou dous días por semana, e de 132,64 € nas de tres ou máis días. “Só no mes de setembro, a factura enviada por SOGAMA ao Concello ascende a 40.000 euros, unha cifra insostible que obrigou a actualizar as taxas para non comprometer outros servizos públicos”, explicou a alcaldesa.
Ao tempo, a rexedora quixo apelar á responsabilidade individual e lembrar que “a mellor maneira de frear estas subas é reducindo a xeración de lixo, apostando pola reutilización e a compostaxe, especialmente no ámbito rural”. Tamén lembrou que o Punto Limpo de Vilar do Colo permanece operativo de luns a venres de 16 a 20 h e os sábados de 9 a 14 h, para a entrega de residuos voluminosos, perigosos, electrodomésticos, mobles, restos de poda, pneumáticos ou cascallos de obra doméstica.
Ademais, o Concello de Fene ten previsto iniciar nos próximos meses un plan de substitución paulatina dos colectores de lixo, co obxectivo de mellorar o servizo de recollida e facilitar a separación de residuos na orixe. O novo equipamento permitirá optimizar a limpeza viaria e reforzar a seguridade, adaptándose ás necesidades actuais da veciñanza.
Cobro do servizo de depuración de augas residuais
Sobre o cobro do servizo de depuración de augas residuais, Permuy explicou que “se trata da aplicación dunha ordenanza fiscal aprobada en 2014, pero que nunca chegara a aplicarse”. Fene comparte a depuradora con Ares e Mugardos (concellos que levan unha década aplicando esta taxa) e a Xunta de Galiza. “O noso obxectivo é garantir a sustentabilidade do servizo e cumprir coa normativa vixente”, indicou.
A alcaldesa destacou que o Concello implantou un sistema progresivo de regularización, que permite fraccionar os importes pendentes desde 2021 para minimizar o impacto nas economías familiares. “Entendemos a sorpresa na veciñanza e somos conscientes do esforzo que supón para as familias, pero non temos marxe de decisión: estamos obrigados por lei a aplicar estas medidas”, sinalou.
“Sabemos que estas circunstancias chegan nun momento sensible e que poden xerar preocupación, pero é importante que a veciñanza saiba que o Concello de Fene actúa con responsabilidade e dentro do marco legal. Seguiremos traballando para que estas obrigas se apliquen da forma máis xusta e gradual posible, sempre co obxectivo de garantir servizos públicos sostibles e de calidade”, concluíu a rexedora.