As intervencións buscan renovar a infraestrutura de subministración de auga e garantir unha mellor eficiencia e seguridade
Durante o desenvolvemento dos traballos haberá cortes de tráfico temporais, que serán debidamente sinalizados
O Concello de Fene iniciou os traballos de mellora da rede de abastecemento na Rúa Travesa e no Camiño do Inferniño, unha actuación adxudicada por un importe de 61.511,65 euros. O proxecto contempla a substitución das actuais tubaxes de fibrocemento por novas conducións de polietileno de alta densidade, garantindo unha maior durabilidade, a redución de perdas de auga e, por conseguinte, unha mellor calidade no servizo.
O concelleiro e Obras, Manuel Polo, explicou que, ademais da renovación das tubaxes, tamén se procederá á reposición do firme e á mellora da sinalización horizontal na zona de actuación. “Durante o desenvolvemento dos traballos será necesario cortar o tráfico temporalmente en certos puntos, pero tomaranse todas as medidas necesarias para minimizar os inconvintes e garantir a seguridade”, apuntou Polo.
Os traballos, que terán un prazo de execución duns tres meses, “responden a unha necesidade fundamental para o concello, dado que a rede existente tiña limitacións importantes debido ao seu estado de conservación”, destacou o alcalde fenés, Juventino Trigo. O rexedor engadiu que “seguimos a traballar para moderniza as infraestruturas municipais nas diferentes parroquias para ofrecer á veciñanza fenesa uns servizos públicos de calidade”.
Con esta intervención, financiada a través do Programa POS+2023 da Deputación da Coruña, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa mellora das súas infraestruturas básicas, apostando pola eficiencia e a sustentabilidade no ámbito municipal.