HomeA CoruñaO Concello de Fene intensifica as tarefas de mantemento ambiental con podas,...

O Concello de Fene intensifica as tarefas de mantemento ambiental con podas, limpeza do río Cádavo e baleirado do cubo do muíño

- Anuncio -spot_img

Os traballos buscan previr inundacións e garantir a conservación e seguridade das zonas verdes e fluviais do concello

As actuacións realízanse coincidindo co parón vexetativo do outono e inverno, aproveitando o momento idóneo para o coidado e mantemento da masa arbórea

O Concello de Fene está a desenvolver nas últimas semanas un amplo programa de actuacións orientadas á conservación das zonas verdes e fluviais do municipio. As intervencións inclúen traballos de poda en diferentes puntos do termo municipal, a limpeza do treito urbano do río Cádavo e o baleirado do cubo do muíño do Parque Lineal.

Coincidindo co período de parón vexetativo do outono e inverno, as podas teñen por obxectivo manter controlado o crecemento das árbores, potenciar o seu carácter ornamental e favorecer un rebrote vigoroso na primavera. Ata o momento xa se acometeu a poda das laranxeiras do Penedo (Barallobre) e dunha das marxes de Marqués de Figueroa, avanzando agora na outra. Nas próximas semanas será a quenda das avenidas Naturais, Conces, San Valentín, A Torre (Perlío), o Parque de Educación Viaria e a laranxeira do cruce da Fraga.

A concelleira de medio ambiente, Cristina García, explicou que “estas actuacións son fundamentais para manter saudable o arborado urbano e previr riscos derivados de ramas secas ou mal orientadas”. Ademais, engadiu que “as podas realízanse con criterios de sustentabilidade, co compromiso de preservar e mellorar o patrimonio verde municipal, incorporando novas especies adaptadas ao noso entorno”.

Limpeza do río Cádavo e baleirado da cuba do muíño

En paralelo, o Concello vai poñer en marcha unha limpeza preventiva do río Cádavo no seu treito urbano, desde os arredores da Casa Consistorial ata Perlío. Estes traballos céntranse na retirada de ramas e restos vexetais depositados na canle, co fin de mellorar o fluxo da auga e minimizar o risco de inundacións durante o outono e inverno.

Na mesma liña, comezou xa co baleirado e limpeza do cubo do muíño do Parque Lineal, unha actuación destinada a retirar os lodos acumulados e mellorar a conservación deste elemento patrimonial e ambiental. A operación realízase con especial coidado para minimizar o impacto sobre o ecosistema e preparar a zona ante a chegada das choivas máis intensas.

Segundo destacou a alcaldesa, Sandra Permuy, “é un traballo que require planificación e sensibilidade, pero tamén firmeza: o obxectivo é garantir a seguridade, previr danos e manter un equilibrio entre o desfrute público dos espazos naturais e a súa preservación ambiental”.

Con este conxunto de actuacións, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa xestión sostible do territorio e co mantemento dun entorno urbano e natural coidado, seguro e adaptado ás condicións do municipio.

Publicacións Relacionadas