O recoñecemento, concedido pola Asociación pola Igualdade de Xénero “For Gender”, certifica o compromiso municipal co desenvolvemento de políticas de igualdade
Fene entra a formar parte dunha rede de máis de 130 concellos de todo o estado con este selo, que en Galiza teñen só 14 municipios
O Concello de Fene recibiu o distintivo de Municipio Comprometido pola Igualdade, unha certificación que recoñece o traballo das institucións públicas e privadas na promoción de políticas de igualdade de xénero.
A entrega do distintivo realizouse nun acto no que o representante da Asociación pola Igualdade de Xénero For Gender, José Manuel Pérez, fixo entrega do recoñecemento á alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, nun encontro no que tamén participou a responsable da área de Benestar Social, Pilar Couce.
Este selo certifica o compromiso das administracións locais coa igualdade e concédese tras un proceso de auditoría no que se analizan as políticas municipais en materia de igualdade, avaliando aspectos como a transversalidade das accións, os programas desenvolvidos e a integración da perspectiva de xénero no funcionamento da institución.
Segundo explicou José Manuel Pérez durante o acto, “valoramos sobre todo o compromiso coa igualdade. O Concello asume agora unha serie de compromisos por dous anos”, dentro dun proceso que permite avaliar e mellorar continuamente as políticas municipais nesta materia.
O recoñecemento forma parte dun proxecto financiado pola Unión Europea e distingue aos concellos que apostan por integrar a igualdade como un eixo transversal da súa acción pública. Na actualidade, máis de 130 concellos de todo o Estado forman parte desta rede, mentres que en Galiza hai 14 municipios certificados ou en proceso de obtención do selo.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, recolleu o distintivo “con orgullo”, destacando o traballo realizado desde o Concello e, en particular, desde a área de Benestar Social e Igualdade. A rexedora subliñou que “os 365 días do ano deberían ser para traballar pola igualdade, pero recibir este recoñecemento nunhas datas especialmente significativas reforza o compromiso institucional”.
Permuy destacou tamén a importancia de abordar a igualdade desde unha perspectiva transversal en todos os departamentos municipais, ao tempo que recoñeceu que “en materia de igualdade queda moito camiño por percorrer”. “O camiño non está nin comezado; vanse dando pasos moi pequenos, pero o importante é seguir avanzando”, afirmou.
Este recoñecemento chega ademais despois dun 8 de Marzo especialmente marcado en Fene polo proxecto “Mulleres da Reconversión”, unha iniciativa impulsada para recuperar e poñer en valor a memoria das mulleres vinculadas á historia industrial e social do municipio. A presentación pública do proxecto converteuse nun dos actos centrais da programación do Día Internacional da Muller, reforzando o compromiso do Concello coa visibilización do papel das mulleres e coa promoción dunha igualdade real e efectiva.
Desde o Concello de Fene sinalan que este distintivo supón tamén un exercicio de transparencia, xa que os compromisos adquiridos e as accións desenvolvidas no marco desta certificación son públicos e permiten facer seguimento do avance das políticas municipais de igualdade.



