O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, salienta que “son uns orzamentos que buscan ofrecer máis e mellores servizos a unha poboación envellecida, uns servizos nos que Frades é todo un referente a nivel provincial”
O Pleno de Frades aprobou esta mañá os Orzamentos para 2025, que ascenden a 2.498.641,56 euros e medran un 4,36% con respecto ao ano 2024. Unhas contas que “garanten a eficacia e a eficiencia do sistema municipal, co obxectivo de ser unha entidade solvente e ben xestionada que lle ofreza os mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, asegurou o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen destacou que os Orzamentos de 2025 “son equilibradas e incrementan o gasto social”. As contas saíron adiante e sen debate ningún cos votos a favor do Grupo de Goberno do PP e as abstencións de PSOE e BNG.
Roberto Rey presentou unhas contas das que destacou o seu forte carácter social. Neste sentido, puxo en valor o incremento dun 8% nas partidas destinadas a gasto social, subvencións a asociacións do municipio, casas niño, casas do maior, emerxencia social e, especialmente aos servizos de axuda no fogar que o Concello de Frades presta a través da Mancomunidade de Municipios de Ordes. Así, en 2025 o Concello de Frades achegará máis de 395.000 para a prestación do servizo de axuda a domicilio, nas modalidades de libre concorrencia como de dependencia, atención temperá, igualdade, CIM, traballo social…
O alcalde de Frades puxo en valor o traballo que se realiza dende a Mancomunidade xa que “tal e como está agora o tema da dependencia, hoxe en día sería difícil atopar xente que quixera vir a traballar a Frades. Hai concellos que están tendo serios problemas para poder prestar o servizo porque non atopan profesionais nin empresas dispostas. Ao compartir a prestación do servizo a través da Mancomunidade, a maioría é xente de Ordes á que non lle importa vir traballar a Frades”.
Por outra banda, o capítulo de bens correntes sitúase nos 1.095.000 euros, un 6,8% máis co ano anterior, e representa o 43,84% do gasto total. Uns cartos que permitirán financiar os costes de servizos como a recollida de lixo, saneamento, abastecemento de auga, alumeado público, mantemento de áreas públicas, roza de estradas, mantemento de camiños municipais, actividades deportivas, culturais e a financiación dos Servizos Sociais de Frades, entre os que se inclúen fisioterapia, podoloxía e perruquería gratuítas a domicilio para as persoas maiores e dependentes. Neste sentido, o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, salienta que “son uns orzamentos que buscan ofrecer máis e mellores servizos a unha poboación envellecida, uns servizos nos que Frades é todo un referente a nivel provincial”.
Investimentos
O capítulo de investimentos reais ascende este ano a 334.516 euros, onde destacan os 273.916,59 euros destinados a dous proxectos: “Mellora de accesos ao punto limpo de Frades e outros” (181.496,06 euros) e “Melloras nos accesos na Igrexa (Moar) e outros” (92.420,53 euros), que inclúen un total de nove actuacións nas distintas parroquias do municipio.
O primeiro dos proxectos inclúe a mellora dos accesos ao punto limpo de Frades (Céltigos) e á localidade de Caboladrón (Mesos), así como melloras no aparcadoiro do CPI de Ponte Carreira (Gafoi). Así mesmo, mellorarase o entronque coa estrada DP-3802 en Aiazo e a pista de O Pazo a Vistalegre (Galegos). O segundo proxecto destínase integramente á mellora de accesos a núcleos, concretamente os de Igrexa (Moar), Quintá (Papucín), Augasantas-Aboi (Céltigos) e Os Loureiros (Vitre).
O alcalde de Frades explicou que non se incluíu nos Orzamentos de 2025 o Plan Complementario, por 270.001,38 euros, xa que “aínda non está aprobado e haberá que engadir outras subvencións solicitadas pero aínda non concedidas polo que na liquidación das contas agardamos que o nivel de investimentos sexa igual ou superior ao de anos anteriores”. O Plan Complementario inclúe dous proxectos: “Mellora da pista de Fondevila ao Cabezo (Abellá) e outros” (163.889,53 euros) e “Pista da Igrexa a Devesa (Aiazo) e outro” (106.111.87 euros).
O primeiro proxecto inclúe a mellora dos accesos ás localidades de Taberna (Abellá), á área recreativa Os Pasos (Aiazo), Añá de Meus (Añá), Sibío (Gafoi), Reboredo (Galegos) e Barazón (Moar). Así mesmo, contémplanse melloras nas pistas de Fondevila ao Cabezo e do Castro a Pumariño, ambas as dúas na parroquia de Abellá. Finalmente, o segundo proxecto inclúe melloras en dúas pistas: da Igrexa a Devesa (Aiazo) e do Prazo á AC-524 (Papucín e Abellá).
Non incremento de taxas
Finalmente, os gastos de persoal medran ata os 605.402 euros, xa que inclúen as actualizacións dos salarios establecida para este ano. E no capítulo de amortización de débeda, o Concello de Frades destinará 11.000 euros a amortizar o préstamo para a construción do centro sociocomunitario de Ponte Carreira e 96.676 euros para o PAI da Deputación Provincial.
No que atinxe aos ingresos, o alcalde explicou que “manteremos as bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI naqueles inmobles onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Deste modo, o Concello renuncia a 30.000 euros de ingresos que quedan nos petos dos nosos gandeiros e gandeiras”.
As previsións de ingresos por taxas municipais é de 302.761 euros, un 15% máis co ano anterior debido principalmente á mellora da eficiencia recadatoria ao actualizar a base de datos. No caso dos impostos directos (IBI, IAE e Vehículos), ascende a 434.679 euros, un 2,2% máis debido ás actualizacións dos valores catastrais. Finamente, mantéñense os 30.000 euros de ingresos por impostos indirectos.