O Lousame Concilia Verán arrincou esta semana cun total de 55 nenos nenas de idades comprendidas entre 3 e 12 anos
O Concello de Lousame este luns 7 de xullo o prazo de inscrición no programa “Lousame Concilia” para o curso 2025/2026, un servizo de atención e coidado de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro. O servizo empezará a prestarse dende o 8 de setembro, en horario de 7:30 a 9:00 horas.
O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 11 de xullo no Departamento de Servizos Sociais de Lousame. Os impresos poden recollerse nos Servizos Sociais de Lousame ou descargarse directamente da web (www.concellodelousame.gal). Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través do Plan Corresponsables e a Consellería de Política Social e Igualdade.
O Concello de Lousame lembra que durante o curso escolar tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos en datas concretas, aínda que non estean matriculados no Lousame Concilia. Máis información nos Servizos Sociais, no 981 820 494 ou 689 126 385.
Concilia Verán
Por outra banda, esta semana arrincou nas instalacións do CPI Cernadas de Castro unha nova edición do Lousame Concilia Verán. Aínda que inicialmente se convocaran 40 prazas, finalmente son 55 os nenos e nenas que desfrutan deste programa de conciliación familiar grazas a que o Concello de Lousame decidiu ampliar o número de prazas para dar resposta a todas as familias do municipio que solicitaron este servizo.
Entre as iniciativas que se desenvolven diariamente figuran xogos tradicionais, xincanas, actividades deportivas, contacontos… e unha saída á piscina municipal todos os venres. O programa desenvólvese en horario escolar, de 9:30 a 14:30 horas, nas instalacións do colexio.