Home A Coruña O Concello de Lousame e a Xunta asinan un convenio de 385.000...

O Concello de Lousame e a Xunta asinan un convenio de 385.000 euros para mellorar o interior de Camboño

- Anuncio -

Enmarcada no Plan Hurbe, a actuación inclúe a mellora funcional do espazo público viario e da zona de esparexemento cotiá dos veciños

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, veñen de selar hoxe o convenio de colaboración para executar as obras para a mellora do espazo público viario de Camboño (que inclúe Camboño, Chousa, O Corral de Arriba e O Corral de Abaixo). Na sinatura deste acordo en San Caetano estivo tamén presente a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

A actuación, que suporá un investimento de preto de 385.000 euros enmárcase no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego para axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas. Segundo recolle o acordo asinado, executaranse obras de pavimentación nesta zona, pertencente á parroquia de San Xoán de Camboño.

Os traballos inclúen actuacións encamiñadas á mellora estética e funcional deste espazo público empregado a día de hoxe como viario e zona de esparexemento cotiá dos veciños do municipio. Na actualidade esta zona presenta un pavimento de formigón moi deteriorado debido ao paso do tempo e á realización de diferentes reposicións.

Para solucionar a situación, substituirase o pavimento actual, coa mellora dos acabados e do seu aspecto, e renovarase a canalización para a recollida da augas pluviais, coa instalación de tubaxe para o futuro servizo de auga potable. A maiores, instalarase alumeado público e aproveitarase para soterrar as redes de baixa tensión e telecomunicacións existentes na actualidade.

A Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, preto de 270.000 euros, e contratará e executará as obras. O Concello de Lousame achegará o 30% restante, algo máis de 115.000 euros, e encargarase tanto da redacción do proxecto das obras como da realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Ademais, o Concello comprométese a incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.

María M. Allegue destacou a continuidade no compromiso de colaboración co Concello no marco do Plan Hurbe da Xunta, onde xa foron executadas e incorporadas ao patrimonio público municipal de Lousame as obras de humanización do acceso á Casa da Cultura e a mellora do viario de Bouciñas a Cruído.

Pola súa banda, Teresa Villaverde amosa a súa satisfacción pola sinatura deste acordo, xa que se trata dunha obra importante xa que “os viarios de acceso a Camboño teñen abundante tráfico, tanto peonil como rodado”, razón pola que o Concello de Lousame xa solicitara a súa inclusión no Plan Hurbe no ano 2022. Un proxecto orzamentado naquel momento en algo máis de 210.000 euros pero que foi mellorado coa inclusión de novas actuacións que beneficiarán ao conxunto de veciños e veciñas de Camboño.

Relacionadas

Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers, empresas gañadoras da XXV edición dos Premios Manuel...

0
Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers foron as empresas seleccionadas polo xurado na XXV edición dos Premios Manuel Beiras que este ano se presentou...

A viaxe a Eurodisney da campaña comercial de novembro da Pobra xa ten gañadora

0
A campaña comercial de novembro na Pobra do Caramiñal chegou ao seu fin co sorteo da viaxe a Eurodisney na mañá deste 2 de...

A Xunta de Goberno Local inicia os procedementos para a contratación de obras por...

0
Adxudicado por 44.724 euros o contrato de reposición das butacas do auditorio do Pazo da Cultura A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria...

O executivo municipal destinará case 380.000 euros á reparación da cuberta do pavillón municipal...

0
O executivo municipal deu luz verde á aprobación do expediente de contratación das obras de reparación da cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga...

O Concello de Fene retira as copas de varias palmeiras afectadas pola praga do...

0
Os traballos, realizados polo persoal municipal, afectaron a exemplares situados en diversos puntos do concello, como San Valentín ou Chamoso O Concello de Fene continúa...

Brión acollerá unha exposición solidaria con dous artistas dos Encontros da Arte que perderon...

0
José Galarzo e María Carmen Martínez, que impartiron obradoiros de acuarela e cerámica á rapazada de Brión, perderon o seu estudo emprazado en Paiporta O...

Publicacións Relacionadas