Un convenio coa SAREB permitirá dar un fogar a 12 familias que non poden acceder a unha vivenda a prezo de mercado.
O Concello amoblaraas para logo poñelas ao dispor dos veciños e veciñas do municipio.
O Concello de Miño fai da necesidade virtude e converte os restos que deixou o estalido da burbulla inmobiliaria no municipio en vivendas de alugueiro social, co obxectivo de axudar aos seus veciños e veciñas que non poden acceder a un fogar a prezo de mercado.
Para iso levará este xoves, 4 de febreiro, a pleno a aprobación dun convenio coa Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria ( SAREB) polo que esta cede un total de 12 vivendas ao Concello de Miño e este encargarase de poñelas ao dispor da cidadanía como vivendas de alugueiro social. Ademais, reservará algunha para casos urxentes, por exemplo situacións de violencia de xénero.
Son edificacións que actualmente están por estrear, baleiras, e que o Concello encargarase de poñer a punto para que poidan entrar a vivir os novos inquilinos, dotándoas dos mobles e os equipamentos necesarios. O prezo mensual do alugueiro será dun máximo de 160 ou 170 euros mensuais.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que “esta é unha iniciativa pioneira en Galicia” e explicou que “a burbulla inmobiliaria deixou un número importante de vivendas baleiras en Miño, e outras sen acabar, polo que lle daremos a volta a esa bolsa que ten a SAREB para convertelas en vivendas sociais. O que foi a ruína de moita xente agora convértese en axuda para quen o necesite”. O rexedor lembrou ademais que “isto é unha mostra máis das políticas sociais que está a levar a cabo este goberno local que non quere deixar a ninguén atrás e que se suma á recente apertura do roupeiro municipal”.