Esta iniciativa xa está en marcha e está sufragada polo Concello de Miño, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o propio usuario ou usuaria, que achega 1,76 euros por día.
Ata 10 usuarios poderanse beneficiar desta ferramenta.
Os participantes recibirán o menú de toda a semana, precociñado, co obxectivo de facilitar unha alimentación idónea e permitir que estas persoas poidan seguir vivindo nos seus domicilios.
O Concello de Miño iniciou xa o programa ‘ Xantar na casa’ promovido polo Consorcio Galego de Igualde e Benestar. Esta iniciativa xa está en funcionamento no municipio desde hai uns días e permite que persoas maiores que viven soas poidan recibir a comida de toda a semana, precociñada e en envases individuais para rexenerar cada día. Este servizo está sufragado polo Concello de Miño, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o propio usuario ou usuaria, que achega 1,76 euros por comida e día. Os destinatarios do programa son fundamentalmente persoas maiores con limitacións para poder garantir unha idónea alimentación. Nun primeiro momento hai xa 4 fogares de Miño que utilizan este servizo, aínda que poden chegar a ser ata 10, todos eles seleccionados tras a valoración dos servizos sociais municipais. O funcionamento é sinxelo: aos participantes entrégaselles semanalmente o menú de toda a semana, precociñado, e tamén llo colocan no seu frigorífico. No caso de que non teñan este ou outro tipo de electrodomésticos necesarios, como pode ser o microondas, tamén se lles poderá prestar a través deste programa. O obxectivo do goberno local ao adherirse a este servizo é, por unha banda, que moitos maiores poidan continuar vivindo nos seus domicilios sen ter que preocuparse de facer a compra ou cociñar e, polo outro, proporcionarlles un menú equilibrado e saudable que mesmo pode ser adaptado a prescricións médicas se fose necesario. Ademais de posibilitar unha alimentación idónea ‘ Xantar na casa’ permite a vixilancia por parte dos axentes de repartición para detectar situacións de risco que, de ser o caso, son trasladadas aos traballadores sociais municipais.



