HomeA CoruñaO Concello de Moeche adxudica provisionalmente 26.000 euros en axudas destinadas ao...

O Concello de Moeche adxudica provisionalmente 26.000 euros en axudas destinadas ao tecido produtivo loca

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno Local do pasado 30 de decembro acordou a concesión provisional das axudas do programa PEL-Reactiva impulsado conxuntamente polo Concello e a Deputación da Coruña. Esta liña de axudas convocada en novembro diríxese a colaborar co tecido produtivo local nos gastos de adaptación dos negocios ás novas esixencias preventivas da COVID-19, pero tamén naqueles que son necesarios para o mantemento da actividade, como por exemplo alugueiros, seguros ou consumos enerxéticos. Segundo a resolución provisional outorgáronse 15 axudas -unha delas pendente de emendar documentación- con importes fixos que, dependendo dos casos, se sitúan en 3.000, 2.500, 2.000 e 1.500 euros. Das 17 solicitudes recibidas só se rexeitaron dúas por non ter o domicilio fiscal en Moeche, tal e como esixían as bases da convocatoria. Desta maneira, o montante global asignado ás axudas ascende a 26.000 euros. A distribución xa lles foi comunicada ás persoas autónomas e pemes beneficiarias, que teñen até o 19 de xaneiro para presentar alegacións.

O PEL Reactiva concibiuse como un programa provincial xestionado directamente polos concellos coa finalidade de contribuír á recuperación económica dos pequenos negocios. Ás axudas podían acollerse persoas autónomas -con ou sen persoal ao seu cargo- e microempresas con domicilio fiscal en Moeche que se atopasen nalgún dos seguintes supostos: que tivesen que pechar polo Estado de Alarma declarado en marzo, que, malia non ter que pechar, visen reducida a súa facturación nun 75% durante o segundo trimestre do ano ou que se atopasen na obriga de acollerse a un ERTE.

Dentro deses supostos marcáronse tramos de axudas fixas dependendo das circunstancias, de forma que as persoas autónomas sen persoal contrado -que tivesen que pechar ou con facturación inferior ao 75%- chegan aos 1.500 euros de axuda, mentres que aquelas con persoal a cargo ou microempresas que cumpran os requisitos percibirán 2.000, 2.500 ou 3.000 euros dependendo do número de empregados.

As axudas diríxense á compra de material antiséptico, produtos de hixiene e limpeza, instalación de mamparas de protección, gastos de alugueiro de locais, arrendamentos de maquinaria e vehículos, seguros de responsabilidade civil e tamén outros gastos fixos que se soportasen durante a crise, como son a luz, gas, a subministración de auga ou os combustibles. Todos eses gastos deberán estar efectuados entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2020.

O Concello de Moeche recibiu un total de 17 solicitudes. De todas elas rexeitáronse dúas por non ter o domicilio fiscal en Moeche -requisito imprescindible- e hai unha máis que está pendente de subsanar documentación requirida nas bases. Deste xeito, o reparto provisional aprobado pola XGL o pasado 30 de decembro ascende a 26.000 euros -tres subvencións de 2.500€, catro de 2.000 e oito de 1.500 euros-, un montante global que aínda podería subir 3.000 euros máis -29.000 en total- se nos próximos días a empresa á que se lle requiriu documentación presenta a información solicitada. De feito, o Concello incrementou con 11.000 euros de recursos propios a partida do PEL Reactiva asignada inicialmente pola Deputación -18.000 euros- “co obxectivo de dispor de recursos económicos suficientes para que ninguén quedase fóra das axudas, sempre que cumprise os requisitos”, explica Beatriz Bascoy.

O Concello xa lles comunicou ás persoas autónomas e microempresas beneficiarias a adxudicación provisional das axudas, de cara a que comuniquen a aceptación -ou presenten alegacións- no prazo de dez días, que se cumpren o próximo 19 de xaneiro.

Posteriormente, unha vez resoltas as posibles alegacións, a distribución das subvencións elevarase a definitiva e a partir dese momento as beneficiarias poderán presentar a documentación xustificativa dos gastos efectuados e efectivamente pagados dentro do período comprendido entre o 01/03/2020 e o 31/12/2020.

O último día para achegar as xustificacións é o 31 de marzo, aínda que desde o Concello recoméndase presentalas o antes posible, posto que o pagamento das axudas irase facendo a medida que vaian rexistrándose na Sede Electrónica e despois de comprobar que toda a documentación é correcta.

Cómpre ter en conta, por último, que as axudas do PEL-Reactiva son compatibles coas concedidas por outras Administracións coa mesma finalidade, aínda que sempre sen superar o importe dos gastos realmente efectuados e sen sobrepasar en conxunto os 40.000 euros.

Publicacións Relacionadas