O Concello de Muxía celebra este 31 de outubro o Samaín 2025, unha cita xa consolidada no calendario local que recupera unha das tradicións máis queridas do outono e incorpora este ano unha atractiva novidade.
Tras o grande éxito do ano pasado, volverá a Procesión da Santa Compaña, que se estreou en 2024 con enorme acollida e que o Concello quere converter nunha tradición anual. A comitiva partirá da Biblioteca Municipal ás 20:00 horas, nun percorrido cheo de misterio e ambiente festivo.
A continuación, ás 20:45 horas na praza do Cabo da Vila, o grupo Teatro Gazafellos presentará o espectáculo “Historias para escagarriñarse de risa” , pensado para todos os públicos.
Como novidade, este ano celebrarase tamén o Concurso de Cabazas Terroríficas, que busca implicar a veciñanza —especialmente a rapazada— na creación de cabazas decoradas con imaxinación e espírito de Samaín.
As inscricións poderán facerse do 20 ao 28 de outubro na Biblioteca Municipal, e as cabazas presentaranse o día 30 no mesmo lugar. Todas elas estarán expostas na praza do Cabo da Vila o día 31 pola tarde, antes da celebración principal.
O certame contará con dúas categorías: infantil (ata 8 anos) e xuvenil (de 9 a 15 anos), con vales de 50 € para gastar nos establecementos locais Arroulada e Vaneli. As votacións e a entrega de premios terán lugar ao remate da Procesión da Santa Compaña e da actuación de Gazafellos.
En caso de choiva, todas as actividades trasladaranse á Sala Gervasio Sar.