O Concello de Muxía vén de sacar a licitación as obras de mellora dos accesos aos núcleos de Loalo e Xurrantes, cun orzamento de 45.183 euros, financiadas polo Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) dentro do programa Camiña Rural 2025-2026 da Xunta de Galicia.
Esta intervención súmase ao conxunto de actuacións que o Concello está a impulsar para mellorar a rede viaria e os camiños municipais, moitos dos cales se atopaban nun estado de abandono. Entre as obras xa executadas ou a piques de comezar destacan o camiño de Xurantes á Fonte do Bico que xa está rematado ou os camiños interiores de Merexo ou a estrada de Cebráns a Añobres, entre outras proxectos que se atopan actualmente en fase de preparación e comezarán nas próximas semanas.
O alcalde e concelleiro de Obras, Javier Sar, destacou que estas actuacións forman parte dun plan continuo de mellora da rede viaria municipal.
“Sabemos que hai moito por facer, pero nos próximos meses iniciaranse varias obras xa adxudicadas e tamén levaremos a pleno novos proxectos centrados en seguir mellorando os camiños e estradas do municipio”, subliñou Javier Sar.
Pola súa banda, o concelleiro de Mantemento, José Luis Alvite, lembrou que ao comezo do mandato o Concello estaba “moi abandonado, tanto en servizos como en infraestrutura viaria”, e subliñou que foi preciso facer fronte á débeda herdada, o que limitou o ritmo de execución dalgúns proxectos.
“Agora que se está poñendo ao día a situación económica, estamos a centrarnos en recuperar o mantemento e a mellora de todos os núcleos do concello”, explicou Alvite.
Con estas actuacións, o Concello de Muxía continúa avanzando cara a unha rede viaria máis segura, accesible e adaptada ás necesidades dos veciños e veciñas do municipio.