A iniciativa pretende xunta a veciñanza ao redor dunha alternativa de lecer para todos os públicos
O Concello de Neda pon en marcha o venres 4 de xullo, ao atardecer, “Tempo de encontros”. Esta nova iniciativa busca favorecer a relación entre veciños e veciñas de todas as idades, contando co parchís e outros xogos de mesa como aliados. A cita terá lugar na contorna da Casa das palmeiras.
Nesta primeira entrega, a modo de proba, o Concello sacará á rúa os clásicos taboleiros de parchís e xogo da oca para desfrutar dunha tarde de venres – de 19 a 21 horas- lúdica e entretida, á que se pode sumar xente de todas as idades que queira pasar un bo rato.
Con todo, quen se achegue a “Tempo de encontros” non só poderá desfrutar do milenario parchís, o xogo familiar por excelencia, ben útil para adquirir habilidades estratéxicas. Así, o Concello porá á súa disposición outras opcións, buscando chegar a variedade de gustos.
Ademais dunha forma entretida de pasar o tempo, os xogos de mesa, melloran a memoria e a concentración e, por riba de todo, fomentan a interacción social. Así, a iniciativa municipal explora as posibilidades do xogo ao aire libre para xuntar á veciñanza, brindando unha escusa para reunirse, contribuíndo a acabar con situacións de soidade non desexadas.