O Concello de Neda vén de iniciar os traballos de limpeza entre o lugares das Augas e Santa María. Unha intervención que chega tras a autorización concedida, tras un ano de espera e de continuos trámites, por parte de Augas de Galicia. A actuación cinguirase aos límites que impón o propio organismo da bacía.
Así, segundo consta na resolución, a administración local poderá facer unha “roza de maleza de carácter leñoso e herbácea localizada no leito do regato e nos muros da canle do regato”, así como retirar a vexetación das marxes, “mediante desbrozadora e motoserra e a do fondo do leito mediante retroescavadora”.
Actualmente a gran densidade de vexetación, que xorde do propio fondo do leito, supón un obstáculo ao fluxo das augas pola canle, co conseguinte aumento do risco de desbordamento e inundación na zona.
Recolle ademais o documento que, segundo a proposta remitida polos servizos técnicos municipais, eliminaranse “obstáculos, sedimentos naturais, vexetación morta (árbores e troncos removidos), entullos e lixo”.
A actuación, comprometida polo Concello á veciñanza, busca contribuír, de forma real, a minimizar o risco de inundación no que, fronte á opinión dos servizos técnicos e xurídicos municipais, Augas de Galicia cualifica unilateralmente de “tramo en zona urbana”.
A administración local pedía a autorización para intervir o 12 de novembro do 2024, á vista de que, rematadas as actuacións de “retirada de árbores e biomasa da canle” anunciadas por Augas de Galicia o 1 de agosto dese ano no Belelle e nos 900 metros do Basteiro comprendidos entre a entrada do muíño do Carballo e Santa María (incluídas por tanto as áreas que definen como urbanas), todo ficaba igual nas zonas do río tupidas pola vexetación.



