HomeA CoruñaO Concello de Noia inicia as obras de humanización da rúa Anxo...

O Concello de Noia inicia as obras de humanización da rúa Anxo Senra cun investimento de case 205.000 euros

- Anuncio -spot_img

As obras terán unha duración de 2 a 3 meses e inclúen unha nova ordenación da zona coa creación dunha praza, renovación de beirarrúas, reorganización do aparcamento, renovación do saneamento e novas acometidas de abastecemento de auga ás vivendas

O Concello de Noia vén de formalizar a adxudicación das obras de renovación e acondicionamento da rúa Anxo Senra á empresa Pavimentos Noia, Obras e Contratas SL por un importe de 204.949,8 euros. Unha empresa que dispón de entre 2 ou 3 meses para executar este proxecto, polo que dende o Goberno que preside Santiago Freire agardan que as obras dean comezo nos próximos días.

As obras buscan solucionar as graves deficiencias que ten na actualidade a rúa Anxo Senra, en especial en parte da súa rede saneamento de fecais, que data de hai máis de 30 anos e conta con colectores de formigón agrietados debido a que están a tan so 40 centímetros da actual estrada, o que supón un problema potencial para a veciñanza e para o medio ambiente do municipio en xeral.

Neste sentido, o Concello de Noia contempla substituír eses colectores de formigón agrietados e instalar un sistema de saneamento separativo, realizando tamén as acometidas as vivendas. Ese sistema separativo de recollida de augas pluviais conectará co saneamento de pluviais realizado no saneamento integral da Xunta de Galicia. Este novo saneamento farase en polipropileno.

O proxecto inclúe tamén unha nova imaxe para a rúa Anxo Senra, onde se creará unha pequena praza que recollerá o magnolio, que estará acompañado por novas árbores nos alcorques que se implantarán a ambos lados da rúa. Así mesmo, reorganizaranse as prazas de aparcamento e renovaranse as beirarrúas existentes, que se atopan en mal estado de conservación.

As obras rematarán co aglomerado en quente de 5 centímetros da rúa, previo bacheo e levantado dos pozos actuais de saneamento para así evitar calquera tipo de fochanca. A actuación inclúe tamén o pintado da sinalización en todo o viario.

Publicacións Relacionadas