HomeA CoruñaA CoruñaO Concello de Oleiros amosa o seu total apoio ás reivindicacións dos...

O Concello de Oleiros amosa o seu total apoio ás reivindicacións dos mariñeiros ante a nova normativa europea

- Anuncio -spot_img

O Concello de Oleiros quere manifestar publicamente o seu apoio total e incondicional ás reivindicacións dos mariñeiros de Lorbé, Mera e por extensión de toda Galicia, ante as novas e abusivas normativas de control que pretende impoñer a Unión Europea. O alcalde, Ángel García Seoane, acompañado polos concelleiros Pablo Cibeira e Rosa Méndez, participou esta mañá nas mobilizacións convocadas na Coruña para facer visible a oposición do Concello a unhas leis imposibles de cumprir.

Desde o Concello denúnciase que esta nova ofensiva burocrática de Bruxelas non é un feito illado, senón que forma parte dunha estratexia que leva décadas provocando a constante diminución da pesca en Galicia. O Goberno local considera que estas normas están deseñadas desde despachos afastados da realidade do mar, co único obxectivo de impedir que Galicia aproveite un dos seus principais recursos naturais en beneficio de grandes multinacionais afincadas noutros Estados.

“Non podemos permitir que se destrúa un sector que é o corazón da nosa economía e a vida de moitas familias de Oleiros, principalmente de Lorbé e Mera”, comentou o alcalde. O Concello advirte que a imposición destes controis inasumibles supón unha ameaza directa para a supervivencia da pesca artesanal e para a soberanía alimentaria do noso país.

Con esta participación nas mobilizacións, o Goberno municipal reafirma o seu compromiso na defensa dos traballadores do mar e insta ás autoridades competentes a aplicar o sentido común e a defender os intereses de Galicia fronte ás imposicións arbitrarias da Unión Europea.

Publicacións Relacionadas