Do 21 ao 26 de agosto celébranse as festas de Santa Cruz. Debido á isto, o Concello instalará o Punto Violeta no parque Luis Seoane nas noites do xoves 21 ao luns 25, en horario de 23 a 3 h. O obxectivo é continuar coa súa implicación activa, como vén facendo ata agora, na prevención e atención ante posibles casos de violencia sexual, LGTBIfobia ou calquera outra forma de violencia machista.
Estes Puntos Violeta funcionan como espazos de referencia, acollida e apoio psicolóxico, xestionados por persoal profesional especializado. Contan cun Protocolo de Actuación en coordinación directa coas Forzas e Corpos de Seguridade e cos Servizos Sanitarios. Ademais, son lugares de sensibilización abertos á cidadanía, onde se ofrece información e material divulgativo sobre recursos e servizos municipais, así como actividades de concienciación adaptadas a diferentes idades.
Na mesma liña da instalación de Puntos Violeta durante estes festexos, o Concello fai un chamamento á responsabilidade colectiva e ao respecto mutuo, reivindicando unhas festas nas que todas as persoas poidan gozar con seguridade e liberdade.