A concelleira de cooperación internacional, Marga Figueroa, participou hoxe na xuntanza da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade onde se denunciou a ocupación marroquí e defendeu o dereito á autodeterminación do Sáhara Occidental, na data en que se conmemora o 50º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
O Concello de Oleiros rexeita a proposta de converter o Sáhara Occidental nunha rexión autónoma do reino alauíta, lembrando a responsabilidade do Estado Español na situación do pobo saharauí. A día de hoxe, máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas nos campamentos de Tinduf (Alxeria), onde o Concello de Oleiros, a través do Fondo Galego, vén desenvolvendo distintas accións de axuda humanitaria. Ademais, no marco do seu plan anual, colaborará coa Delegación da RASD en Galicia e coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí en dous proxectos sobre o terreo, un para apoiar a celebración do Congreso da Unión Nacional de Mulleres Saharauís, contribuíndo ao empoderamento feminino, e outro para rehabilitar a sala dedicada á memoria histórica da muller saharauí no Museo da Resistencia, todo no contexto da conmemoración do vindeiro 8M.



