Algunhas das novidades son o turismo mariñeiro, a feira de artesanía ou o festival de Sálvora
O Concello de Ribeira presentou hoxe a súa estratexia turística para este verán que pon o foco na natureza, especialmente, nas contornas mariñas con novidades dentro da programación como actividades de turismo mariñeiro, o bus turístico á praia do Vilar, a proposta para o eclipse parcial de lúa, a feira de artesanía ou o festival de Sálvora.
A concelleira de Turismo, Ana Barreiro, na compaña dunha das técnicas de Turismo, Irene Maneiro, debullou todo o contido da programación artellada para desfrutar desta época estival en Ribeira que comezou xa no pasado 20 de xuño coa saída da cuadraxésima edición da Traslatio para remontar o río Ulla navegando as augas da ría de Arousa.
Tamén se presentaron xa as travesías náuticas que haberá á illa de Sálvora (nos mércores e sábados de xullo e agosto, ás 10.00 horas), a Ons (9 e 24 de xullo e 14 e 28 de agosto, ás 10.00 horas) e a ruta do mexillón (mércores e sábados de xullo, ás 17.30 horas, e de agosto, ás 16.30 horas).
Lanzaranse actividades de turismo mariñeiro co roteiro das artes de pesca, na mañá, e o roteiro da conserva e da salazón, na tarde, dos días 10 e 15 de xullo e 8, 14 e 22 de agosto, con saída do porto a bordo dun barco bateeiro coa empresa Bluscus. O prezo é de 30 euros por persoa adulta e de 15 euros para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 12 anos.
Así mesmo, proxectaranse filmes no Centro Recreativo de Artes, o 26 de xuño, con Un lío de millones; nunha praia de Aguiño por determinar, no 14 de xullo, Rondallas; na praia do Porto de Corrubedo, no 6 de agosto, Leo & Lou; na praia de Coroso, no 11 de agosto, Sirat; no Camping Valverde de Olveira, no 14 de agosto, Padre no hay más que uno 4; no Centro Social de Oleiros, no 15 de agosto, Sonyc 3; no parque de San Roque, no 16 de agosto, La familia Beneton; na praia de Castiñeiras, no 19 de agosto, Amigos imaginarios; e na praia do Baluarte de Palmeira, no 29 de agosto, Romería. As películas dos meses de xuño e xullo serán ás 22.30 horas; mentres que as de agosto aproximadamente ás 21.30 horas.
A narración oral ten o seu oco co Festival Atlántica no 3 e 4 de xullo, ás 21.00 horas, no Parque Periurbano de San Roque e no lavadoiro de Penisqueira, en Aguiño.
Poderase coñecer máis sobre o Camiño A Orixe durante xullo e agosto con roteiros guiados sobre os que cómpre informarse na
Oficina de Turismo ou no 981 873 007.
Un bus turístico unirá o centro de Ribeira coa praia do Vilar neste verán como outra das novidades. Será tódolos días de xullo e agosto: de luns a xoves, ás 13.00, 16.30, 19.30 e 20.30 horas, e de venres a domingo, 13.30, 16.00, 17.00, 19.30, 20.30 e 21.00 horas.
Como un evento astronómico singular desta tempada estival que se poderá observar en Galicia, para o 12 de agosto prepárase unha proposta especial para o eclipse parcial de sol do que se dará conta en vindeiras datas.
A artesanía tomará o Malecón cunha primeira quenda do 1 ao 16 de xullo e unha segunda do 23 de agosto ao 13 de setembro, nas que participarán unha vintena de postos.
En liñas similares, continuarase coa Artemar que se celebrará do 13 ao 16 de agosto.
No apartado de festas gastronómicas atópase a Festa do Percebe de Aguiño, no 2 de agosto; a Festa da Navalla de Aguiño, no 9 de agosto; Gastromar, do 21 ao 23 de agosto; e a Festa do Polbo de Palmeira, do 29 ao 30 de agosto.
En canto a deportes, desenvolverase a III Bandeira Concello de Ribeira, no 19 de xullo, ás 19.00 horas, co porto de Aguiño como campo de regatas.
Xa rematando o verán, haberá un festival en Sálvora no mes de setembro que conxugará cultura, arte, gastronomía e turismo.
Avanzarase toda a programación proximamente.
E, dando a benvida ao outono, terá lugar o Blue Atlantic Forum (BAF) no mes de outubro.
O Concello de Ribeira traballa tamén en dúas plataformas turísticas intelixentes: unha propia e outra en colaboración coa Mancomunidade Barbanza Arousa.
Museos e centros de interpretación
A edil lembrou a cantidade de museos e centros de interpretación presentes no municipio. O Museo Municipal de Ribeira abre de mércores a domingos e festivos, de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas; o Centro de Interpretación Arqueolóxica de San Roque, de mércores a domingos e festivos, de 11.30 a 18.00 horas; a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, de mércores a domingo e festivos, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas; o Museo Etnográfico de Artes, de mércores a domingo e festivos, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas; e o Centro de Interpretación dos Ecosistemas Litorais de Galicia (CIELGA), de martes a domingo (incluído festivos e pontes), de 10.30 a 14.30 e de 16.00 a 18.30 horas.

