HomeA CoruñaO Concello de Ribeira aproba en pleno iniciar os trámites para facerse...

O Concello de Ribeira aproba en pleno iniciar os trámites para facerse co legado artístico e a biblioteca de Manuel Ayaso

- Anuncio -spot_img

• A alcaldesa anunciou tamén a convocatoria da mesa de peonalización, que ten como obxectivo a mellora da accesibilidade no municipio

• Ao inicio da sesión, a corporación municipal mantivo un minuto de silencio en recordo do que fora concelleiro Cándido Castro, falecido recentemente

O pleno de Ribeira aprobou onte iniciar os trámites para facerse co legado artístico e a biblioteca de Manuel Ayaso, fillo predilecto do municipio, mestre universal e embaixador ribeirense.

Presentada polo Goberno local, a proposta aprobada establece a necesidade, en primeiro lugar, de levar a cabo os informes técnicos precisos para determinar o valor da obra e, posteriormente, o Concello de Ribeira deberá dispoñer dunha sala específica para a súa exposición durante o próximos cinco anos.
“Para Ribeira é un motivo de orgullo poder contar coa obra dun artista único como o noso querido Ayaso”, apuntou a alcaldesa, María Sampedro, quen lembrou que a intención do pintor foi sempre que o seu legado permanecese no municipio.

Mesa de peonalización

Por outra banda, no referente á aprobación da iniciativa presentada pola concelleira non adscrita, e que contou coa unanimidade do pleno, para continuar traballando co proxecto “Ría de Arousa Accesible”, impulsado pola asociación Ambar, a alcaldesa confirmou tamén que o Goberno local convocará ao longo do mes de febreiro a mesa de peonalización, co obxectivo de abordar, cos diferentes órganos de participación, a posta en marcha de forma conxunta de proxectos que permitan mellorar a accesibilidade no Concello de Ribeira.

Outro dos asuntos que estaba previsto debater no pleno, e que finalmente foi retirado da orde do día, era a moción que tiña como obxectivo terminar coa desigualdade que afecta o persoal de limpeza dos hospitais de Cee, Barbanza e O Salnés, con respecto aos profesionais de hospitais doutras áreas sanitarias de Galicia.

O texto foi retirado a petición da parte solicitante, tendo en conta que os traballadores iniciaron un proceso de negociación coa empresa tras a mediación do SERGAS.

O pleno serviu tamén para aprobar a delegación das competencias relativas á convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos para categorías do corpo de Policía Local. A partir deste acordo, será a Administración Xeral dá Comunidade Autónoma de Galicia a responsable de levar a cabo todo este proceso.

Noutra orde de cousas, o pleno deu luz verde, cos votos en contra do concelleiro do PSOE e dun do grupo dos non adscritos, á emenda de
substitución presentada polo Partido Popular contra a moción socialista na que se reclamaba aos técnicos de Urbanismo do Concello de Ribeira unha excepción que permitise outorgar licenzas en solares/parcelas residuais urbanas cando se acredite a imposibilidade real de cumprir os mínimos por non poder agregarse ás fincas lindeiras xa edificadas, mantendo o cumprimento do resto de parámetros urbanísticos da contorna e, desta forma, adaptar a normativa á realidade existente.

Finalmente, o texto aprobado establece a elaboración dunha modificación puntal de capítulo 3 que fala dos parámetros de edificación no artigo 90: “Condicións de parcela e concordantes, e que, abrangue a todo tipo de solo. E seguir co procedemento que se contempla nestes casos. Sendo a única forma de corrección destas situacións”.

Por último, o pleno aprobou a proposta para a modificación dos estatutos da Mancomunidade Ría de Arousa, que ten como obxectivo principal a posibilidade de abrir a xestión á posta en marcha de máis servizos que os relativos ao turismo e a extinción de incendios, así como as modificacións necesarias e consecuentes no réxime de financiamento da entidade.

Publicacións Relacionadas