O Concello de Ribeira executa unha campaña especial fronte a roedores e cucarachas

Redacción

 A acción esténdese a todo o termo municipal

Co bo tempo, os roedores e cucarachas adoitan pasar do sistema de sumidoiros á superficie, polo que o Concello de Ribeira executa unha campaña especial durante esta semana que se suma aos controis habituais que se realizan. Ambitega Plagas S.L. atópase nestes días polas rúas do núcleo urbano e das parroquias para aplicar tratamentos de desratización e insecticida na rede de sumidoiros con produtos específicos para estas especies que non afecta ao resto da fauna nin aos seres humanos.

Tamén están procedendo con outras medidas correctoras en superficie como, por exemplo, o selado de buracos onde habitan os roedores ou as cucarachas.

O concelleiro de Sanidade, Vicente Mariño, explica que “intensificamos o control fronte a roedores e cucarachas dado que esta problemática se incrementa no período estival. Son tratamentos específicos que atinxen só a estes animais e non ao resto de fauna nin ás persoas. Poñemos así solución a esta situación no conxunto de Ribeira e seguiremos cos controis rutineiros que facemos durante todo o ano.”

Estes traballos supoñen un investimento de 3.308,80 euros, IVE incluído, a executar en numerosas vías e outros espazos públicos.
Nestas primeiras xornadas xa actuaron en varios lugares do centro da cidade, así como nas parroquias de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Palmeira, para ir estendendo esta medida ao resto do termo municipal.

Comparte este artigo