Esta área estará operativa no que resta de agosto e todo o mes de setembro
O Concello de Ribeira rubricou nestes días un contrato cun particular que lle cede o uso gratuíto dunha parcela para destinala a aparcamento municipal na contorna da praia do Prado, na parroquia de Corrubedo.
Trarase dunha área de máis de 2.000 metros cadrados habilitada para o estacionamento de vehículos no que resta de agosto e todo o mes de setembro. Súmase así á xa existente a carón da estrada con dirección ao faro, nunha parroquia que aumenta considerablemente a súa poboación durante o verán e onde, en consecuencia, se incrementa a presenza de vehículos.
Mediante a sinatura deste contrato, a Administración local ribeirense asume o acondicionamento da finca; labores que xa rematan hoxe, polo que o servizo estará operativo nesta mesma tarde.

