O investimento supera os 69.000 euros
O Concello de Ribeira mellora a accesibilidade na contorna da casa consistorial cunha actuación que se centra en tres rúas que lucirán novo aspecto e nas que se creará unha plataforma única para que vehículos e transeúntes circulen na mesma cota. En consecuencia, substituirase o aglomerado da calzada por pavimento de formigón pulido que, cada certa distancia, intercalara franxas de adoquín de pedra granítica.
A intervención afectará ás vías de pavimento arredor da casa consistorial ao longo de dous meses.
“Trátase dunha actuación necesaria para continuar dando resposta ao compromiso de humanización da nosa cidade. Nestas rúas xa tiña prioridade o viandante sobre os vehículos, pero executamos estas obras para mellorar o estado da superficie e, polo tanto, incrementar a seguridade para quen se despraza a pé ou nun turismo. Dende o Concello de Ribeira seguimos sacando adiante licitacións e iniciando obras para, en consecuencia, activar tamén o noso municipio, onde a prioridade sempre é a mellora da calidade de vida da cidadanía” en palabras da alcaldesa, María Sampedro.
A isto, a rexedora incide na envergadura desta actuación que “supón un importante esforzo para a nosa Administración local, pois vai con cargo íntegro ás arcas municipais, pero era moi necesaria que se fixese este acondicionamento no centro urbano. É un compromiso adquirido coa veciñanza ao que damos cumprimento con medios propios. Parte do importe ía enmarcado no Plan de Fortalecemento de Comercio, pero o anterior goberno local perdeu estes fondos e, agora, debe ser o Concello quen asuma a totalidade do custe.”
As obras supoñen un investimento de 69.172,72 euros, IVE incluído, con cargo íntegro ás arcas municipais, e Nemesio Ordóñez, S.A. é a empresa encargada da súa execución.



