O Concello de Ribeira vén de publicar a licitación do Servizo profesional de asesoramento xurídico en materia de estranxeiría e asilo, cun orzamento base de 11.011,00 euros. O contrato terá unha duración dun ano, desde o mes de abril de 2026 até o mes de abril de 2027, ambos incluídos, e estará orientado a reforzar a atención que o Departamento de Servizos Sociais presta ás persoas migrantes do municipio.
O obxecto desta contratación é garantir un asesoramento xurídico especializado en materia de estranxeiría e asilo, co fin de complementar a atención social que xa se ofrece no Concello. O servizo facilitará información e acompañamento nos complexos procesos administrativos vinculados ao dereito de estranxeiría e protección internacional, resultando clave para evitar erros na tramitación e mellorar as posibilidades de éxito das solicitudes.
“Estamos a falar dun servizo especializado que vai a facilitar a inclusión de todas as persoas migrantes que residen no noso municipio, con especial atención a todas aquelas que se atopan en situación de risco ou exclusión social”, segundo apuntou a alcaldesa.
Obxectivos do servizo
O obxectivo xeral da iniciativa é facilitar a inclusión social e laboral da poboación migrante residente en Ribeira, traballando en proporcionar información e asesoramento personalizado en materia de estranxeiría, facilitar a tramitación administrativa de expedientes como o asilo.
Tamén proporcionará asesoramento ao persoal técnico municipal, entidades sociais e empresas interesadas na contratación de persoas en situación administrativa irregular e promoverá a inserción laboral.
A alcaldesa afirmou que “con esta licitación Ribeira reafirma o seu compromiso coa integración, a igualdade de oportunidades e o acompañamento profesional ás persoas migrantes, promovendo unha sociedade máis inclusiva e cohesionada”.



