HomeA CoruñaO Concello de Ribeira oferta cursos sobre competencias dixitais no primeiro trimestre...

O Concello de Ribeira oferta cursos sobre competencias dixitais no primeiro trimestre do ano

- Anuncio -spot_img

 As accións formativas terán lugar na Aula CeMIT e nas parroquias

A Concellería de Innovación e Novas Tecnoloxías de Ribeira presenta a oferta formativa que terá lugar na Aula CeMIT durante este primeiro trimestre do ano; un itinerario ao que sumar os cursos que terán lugar nas parroquias.
“Seguimos capacitando á cidadanía en competencias dixitais cunha variada programación durante o primeiro trimestre do ano que abrangue dende o nivel básico ao medio/avanzado. Ademais de cuestións como o manexo de Internet, o correo electrónico ou as aplicacións móbiles, as persoas participantes terán ocasión de facer toma de contacto coa Intelixencia Artificial. A Aula CeMIT goza dun gran dinamismo, todo un exemplo. De feito, goza dunha ocupación superior ao 90%. Pero tamén queremos achegar a formación ás parroquias, algo que era demandado polos nosos veciños. Por iso, poñemos en marcha unha serie de accións por cada unha das nosas parroquias”, declara o concelleiro de Innovación e Novas Tecnoloxías, Álex Vidal.

No que resta de mes, impartiranse do 26 ao 30 de xaneiro unha nova edición dos cursos Arranque dixital, de 09.30 a 11.30 horas, e Primeiros pasos co teu móbil, de 12.00 a 13.30 horas. O primeiro versa sobre a iniciación básica ao LibreOffice , Internet, creación e uso de correo electrónico e toma de contacto coa Intelixencia Artificial; mentres que o segundo ensinará sobre o uso básico do dispositivo Android.

O mes de febreiro centrarase na preparación do COMDIX nivel iniciación. Trátase dun curso orientado a preparar a aquelas persoas que queiran facer o exame para obter o Certificado de Competencias Dixitais. A formación será do 2 ao 13 de febreiro, tódolos días agás o mércores, en horario de 10.00 a 11.30 horas. O temario divídese en seis bloques: coñece o entorno dixital, ten a información sempre a man, tecnoloxías dixitais, participa na sociedade dixital, crea contido dixital e atopa o benestar dixital.

As probas terán lugar na Aula CeMIT nos días 25 (en quenda de tarde, de 16.30 a 18.30 horas) e 26 e 27 de febreiro (en quenda de mañá, de 10.00 a 12.00 e de 12.00 a 14.00 horas). O período de inscrición para estes exames permanece aberto ata o 28 de xaneiro.
Xa no mes de marzo se desenvolverán dous cursos nos días 5, 6, 9, 10, 12, 16, 23 e 24. Desde as 10.00 ata as 11.30 horas as clases correspóndense con Despegue dixital, para o perfeccionamento de LibreOffice, uso avanzado de Internet e correo electrónico Gmail e Intelixencia Artificial aplicada. E, de 12.00 a 13.00 horas, haberá o de Avanza co teu móbil focalizado nun nivel medio/avanzado do dispositivo Android.

Cursos nas parroquias

As competencias tamén chegarán ás parroquias de Ribeira. Durante o primeiro trimestre haberá os seguintes cursos: Crea contido con Intelixencia Artificial, no centro social de Corrubedo, do 9 ao 12 de febreiro, de 16.00 a 18.30 horas; Seguridade: protexe o teu mundo dixital, no centro social novo Carreira, do 23 ao 26 de febreiro, de 10.00 a 13.00 horas; Aplicacións para xestionar trámites en Internet, no centro social de Oleiros, nos días 9, 10, 12 e 13 de marzo, de 10.00 a 13.00 horas; e Ocio dixital: aplicacións para desfrutar, na casa do mar de Palmeira, do 23 ao 26 de marzo, de 10.00 a 13.00 horas.

Estas mesmas accións formativas rotarán polo resto de parroquias no segundo trimestre: Crea contido con Intelixencia Artificial, no centro recreativo de Artes, do 6 ao 9 de abril, de 10.00 a 13.00 horas; Seguridade: protexe o teu mundo dixital, na casa da cultura de Aguiño, do 21 ao 24 de abril, de 10.00 a 13.00 horas; Aplicacións para xestionar trámites en Internet, no centro social de Olveira, do 4 ao 7 de maio, de 10.00 a 13.00 horas; e Ocio dixital: aplicacións para desfrutar, na casa da cultura de Castiñeiras, do 26 ao 29 de maio, de 10.00 a 13.00 horas.

Máis información e inscricións no teléfono de contacto 981 876 043 ou no enderezo electrónico cemit.ribeira@xunta.gal.

Publicacións Relacionadas