HomeA CoruñaO Concello de Ribeira participa na homenaxe que a Asociación Contra o...

O Concello de Ribeira participa na homenaxe que a Asociación Contra o Cancro rende a María Teresa Leis Blanco con motivo da celebración do Día Mundial desta enfermidade

- Anuncio -spot_img

• A alcaldesa destacou a figura dunha veciña da que dixo que é “un exemplo a seguir” para todas aquelas que padecen a enfermidade

• “Trátase dunha programación divertida, formativa e informativa na que participarán entidades privadas, clubs e asociacións de Ribeira”, dixo Sampedro

O Concello de Ribeira e a xunta local da Asociación Contra o Cancro do municipio presentaron esta mañá as diferentes actividades que se poñerán en marcha ao longo de todo o mes de febreiro para conmemorar o Día Mundial Contra o Cancro, que se celebra o próximo día 4 de febreiro.

No acto de presentación, a alcaldesa, María Sampedro, acompañada do primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, e da presidenta da xunta local da Asociación Contra ou Cancro, María José Carreira, agradeceu, un ano máis, o “compromiso, o traballo dinamizador e de concienciación” levado a cabo por esta entidade.

Ademais, a rexedora celebrou que as actividades deste ano sirvan para render homenaxe a María Teresa Leis Blanco, veciña de Ribeira, que loitou sempre, primeiro desde o seu posto de traballo no centro de saúde, e máis tarde como enferma de cancro, pola mellora do servizo de saúde, e que se converteu nun “exemplo a seguir” para todos aqueles que sofren esta enfermidade.
“É desas persoas que che ve pola rúa e che anima ela a ti. María Teresa, ou a ‘praticanta’ como se lle coñece en Ribeira, é unha desas mulleres alegres que souberon levar sempre cun sorriso a enfermidade”, apuntou Sampedro.

Un programa de actidades divertido, dinamizador e informativo

A alcaldesa referiuse tamén ao programa de actividades que se desenvolverá durante todo o mes de febreiro e que inclúe eventos como a campaña de ‘Brazaletes Solidarios’, que terá lugar as fins de semana do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2026 e a fin de semana do 6 ao 8 de febreiro, e na que asociacións e clubs deportivos de Ribeira portarán eses días nos seus partdios un brazalete verde que simbolice o apoio aos miles de pacientes e familias que enfrontan a enfermidade.

Ademais, o Concello de Ribeira iluminará de cor verde o “Cruceiro da Saude” para visibilizar a efeméride e a importancia de apoiar e acompañar aos pacientes oncolóxicos e aos seus familiares e a apoiar a investigación oncolóxica.

Por outra banda, a xunta local desenvolverá, nos dous Gadis do municipio do 6 ao 14 de febreiro, a VI edición da ‘Compra da túa Vida’. Unha iniciativa que permitirá conseguir a axuda da poboación no momento de facer a compra para que, a través dos seus donativos, nos acheguemos ao obxectivo do 70% de supervivencia en enfermos de cancro e facilitar tamén recursos para mellorar a vida de persoas e familiares que sofren esta enfermidade.

Ademais de todo isto, a xunta local ten previsto a colocación de mesas informativas e de venda de merchandising, a lectura dun manifesto o día 4 de febreiro, así como a celebración, o día 5, dunha charla informativa sobre o testamento vital. Dous días máis tarde, o sábado 7, levarase a cabo, no Auditorio de Ribeira, a ‘Gala MimArte’.
“Trátase dunha programación divertida, formativa e informativa na que participarán entidades privadas, clubs e asociacións, que son o mellor altofalante posible para chegar a moitas familias, e así poder concienciar e trasladar a importancia de apoiar e axudar aos que están a sufrir esta enfermidade”, dixo Sampedro.

Por último, a alcaldesa agradeceu, unha vez máis, o compromiso e a dedicación de todas as persoas que participan nesta campaña e resaltou o traballo “incansable” e “fundamental” que realiza todo o ano a xunta local da Asociación contra o Cancro.

Publicacións Relacionadas