As propostas unen música e dinamización da lingua no 29 de maio
A mocidade de Ribeira desfrutará das músicas máis novas de Galicia cos concertos Fálame así, cántame así #XuventudeDeRibeira que impulsa o Concello para a noite do 29 de maio, a partir das 22.00 horas, co parque García Bayón como epicentro. O artista 9Louro é o cabeza de cartel, no que tamén figuran a cantante Alddara e os DJ Diego Tercero, Mateo Fajardo e Mateo Abelleira.
Nesta proposta converxen música e dinamización do uso do galego entre a xente moza do municipio con letras no nosa lingua. Promóvese así esta xuntanza arredor da música para pechar o mes das Letras Galegas.
“Ribeira é testemuña e berce de músicos como Aida Tarrío, das Tanxugueiras, como xa o fora de Heredeiros da Crus; dous claros exemplos de que a creación musical é un moi bo motor de uso do galego tamén na mocidade. Quen non lembra, algunhas das míticas cancións en galego que se escoitaban no programa infantil do Xabarín Club; programa co que desfrutamos tódalas tardes sendo nenos e nenas”, comezou a súa intervención a alcaldesa, María Sampedro, na compaña das concelleiras de Educación e Xuventude, Nucha Brión e Carmen Pérez, respectivamente. Por iso, o Concello optou por lanzar esta proposta con artistas referentes a nivel galego e comarcal nunha aposta por ofrecerlle á xuventude “tempo de lecer coa música como protagonista, apostando pola creación nosa e en galego.” A rexedora aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración que a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia sempre presta á Administración local por medio do Servizo de Normalización Lingüística.
Louro destaca por facer música urbana en galego e estará acompañado nesta noite musical por Alddara, cantante que pasou polo programa Operación Triunfo, ademais de Diego Tercero, Mateo Fajardo e Mateo Abelleira, máximos expoñentes da música de mesturas na comarca, quen amenizarán ata o remate.
Ademais, terán cabida os DJ noveis que se están formando no curso que se imparte na Casa da Xuventude, polo que terán ocasión de demostrar o xa aprendido nas clases. Esta acción terá lugar antes do inicio dos concertos mencionados, ás 21.00 horas, para ir marcando xa o ritmo.

