O Concello de Ribeira acaba de recibir oficialmente a autorización de Portos de Galicia para a celebración das tradicionais Festas do Verán na súa localización habitual no porto da cidade, do 30 de xullo ao 3 de agosto. Esta autorización chega tras semanas de intenso traballo técnico e administrativo por parte do goberno local para dar cumprimento a todos os requirimentos esixidos polo ente portuario.
O concelleiro de Festexos, Francisco Suárez-Puerta felicitou a todo o equipo técnico do concello; “tanto o departamento de festexos como o de arquitectura, urbanismo, policía local e tamén ás empresas que tivemos que contratar para poder conseguir facer fronte a tódolos requisitos que se nos foron poñendo e que finalmente salvamos para conseguir esta autorización”. Suárez-Puerta mostrouse moi satisfeito por levar a bo porto a idea inicial, “que celebrar as festas na localización habitual era posible”.
O proceso incluíu a entrega de diversos informes técnicos, planos de seguridade e documentación complementaria que foron solicitados por Portos de Galicia, o que puxo a proba a capacidade organizativa do equipo municipal.
“Foi un proceso longo e esixente, pero a recompensa é enorme: poder celebrar as festas no lugar de sempre, un espazo emblemático e querido pola veciñanza. Agradecemos o esforzo de todo o persoal técnico e a colaboración de Portos de Galicia, que finalmente viu a necesidade de seguir facendo as festas na localización de sempre validando a nosa proposta”, declarou Luís Pérez Barral.
A autorización abrangue unha superficie descuberta de 13.733,94 m² no porto de Ribeira.
O rexedor defendeu o emprazamento tradicional argumentando que Ribeira carece alternativas de espazo para albergar tódalas atraccións, “é un espazo que no só lle convén aos feirantes, por tema de traballo senón porque é a única alternativa coa que conta Ribeira a día de hoxe para poder albergar as súas festas de verán”, tamén indicou que “é o espazo idóneo para beneficiar tanto a hostalería coma o comercio no noso concello”.
Pérez Barral apelou á coordinación e ao diálogo con Portos de Galicia, “seguimos coa man tendida para que dende Portos se poda desafectar toda a fachada marítima que non teña que ver co uso estritamente portuario e agradamos que nos sucesivos meses poidan recibirnos; tal e como lle temos solicitado ao seu presidente para poder desacfectar esa parte que non ten ese uso portuario e polo tanto podamos xestionala nós dende o Concello de Ribeira”.
O Concello anima á veciñanza a participar activamente nas Festas do Verán 2025, que contarán con verbenas, espectáculos, atraccións e os tradicionais fogos artificiais, todos eles organizados cumprindo os máximos estándares de seguridade.