O Concello de Ribeira publicou as subvencións destinadas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAs). Como principal novidade, este ano increméntase a dotación desta liña de axudas en 4.000 euros, Ademais, como novidade destacada, o Concello destina este ano unha partida específica para axudar a sufragar os custos que supoñen os comedores escolares.
A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, destacou que esta ampliación orzamentaria responde á necesidade de ofrecer máis recursos ás asociacións de nais e pais, que desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento educativo e social dos menores. “Somos conscientes de que debemos seguir mellorando pero quixemos incrementar porque sabemos o labor esencial das ANPAs á hora de complementar a formación dos escolares e dinamizar a comunidade educativa. Con este aumento queremos que poidan seguir desenvolvendo as súas actividades de conciliación”, afirmou.
“Sabemos que a conciliación laboral e familiar é un reto para moitas familias e queremos contribuír a aliviar a carga económica que supón este servizo”, indicou Rivadulla. Neste sentido, a concelleira avanzou que o goberno local segue traballando na busca de axudas a nivel estatal para a posta en marcha dun ambicioso plan de conciliación.
As bases da convocatoria, que inclúen os criterios de concesión, prazos e documentación requirida, están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 22 de xaneiro de 2025. As ANPAs interesadas poden consultar o documento completo no taboleiro de anuncios da web municipal [ribeira.gal]. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de febreiro de 2025. As asociacións deberán presentar a documentación pertinente no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal.
Con este incremento orzamentario e a nova aposta polos comedores escolares, o Concello de Ribeira reafirma o seu compromiso coas familias e coa educación pública, apostando por medidas que favorezan a conciliación e o benestar dos nenos e nenas do municipio.