HomeA CoruñaO Concello de Ribeira seguirá traballando a prol da igualdade e solicitará...

O Concello de Ribeira seguirá traballando a prol da igualdade e solicitará a adhesión ao sistema VioGén

- Anuncio -spot_img

 Tamén se aprobou en Pleno instalar xeradores eléctricos nas instalacións municipais ante situacións de emerxencia como o apagón do mes de abril

A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde do 24 de novembro o Pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, no que un dos puntos da orde do día foi a proposición da grupo non adscrito sobre a importancia de traballar todo o ano na loita contra a violencia de xénero e que contou co respaldo unánime dos presentes. A proposta versaba sobre reafirmar o compromiso do Concello de Ribeira na loita contra a violencia de xénero os 365 días do ano, promovendo accións permanentes de prevención, sensibilización e apoio ás vítimas, ademais de desenvolver un Plan municipal anual de Igualdade e prevención da violencia de xénero e solicitar a adhesión ao sistema VioGén.

Tamén se debateu en sesión plenaria a proposición do grupo non adscrito para garantir o subministro eléctrico nos servizos municipais en situacións de emerxencia como a sucedida no 28 de abril deste ano co apagón nacional que sufriu España. Os acordos buscaban instalar un xerador eléctrico nas dependencias municipais principais e revisar e manter os xa existentes.

A isto, o goberno municipal presentou unha emenda de substitución, aprobada por unanimidade, na que se especifica continuar dotando os equipamentos municipais das instalacións necesarias, tal e como se viña facendo, tanto para as novas instalacións municipais como para o mantemento das existentes, o que garantirá o seu correcto funcionamento en caso de necesidade. Asemade, contarase con esta instalación no proxecto de dotación de equipamento para a casa consistorial.

E, baixo o amparo do BNG e PSdeG-PSOE, levouse a Pleno unha medida que atinxe á rúa Estatuto, no barrio das Abesadas, para convertela en sentido único no tramo que conecta con Rosalía de Castro e Alcalde Fernández Bermúdez, ademais de mellorar a rotonda situada entre os dous estacionamentos disuasorios e o reforzo da pintura e sinalización na contorna. O goberno municipal propuxo a votación por puntos, se ben, os grupos asinantes da proposta quixeron a votación da súa totalidade, polo que esta cuestión foi denegada ao contar unicamente con 8 votos a favor (BNG, PSdeG-PSOE e non adscritos) e 12 en contra (PP e PBBI). A este respecto, o executivo local manifestou que a súa postura se debe a que non están de acordo co cambio do sentido de circulación nin restricións na mobilidade, sen ter consensuado o cambio previamente coa veciñanza do lugar, ademais de ser primeiro necesario renovar a pavimentación en certos lugares para, despois, proceder co pintado.

Outros asuntos da orde do día

Tamén se lle deu luz verde ao convenio co Ministerio do Interior e o Concello de Ribeira para o cumprimento de penas con traballos en beneficio da comunidade, coa aprobación unánime da Corporación municipal. Así mesmo, saíu adiante con 18 votos a favor (PP, PBBI, BNG e 1 non adscrito) e 2 abstencións (PSdeG-PSOE e 1 non adscrito) á prórroga forzosa por 9 meses do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) mentres non se resolva a licitación, na que están interesadas catro empresas. A achega municipal pasou dos 800.000 euros aos 1,3 millóns de euros, e 113 usuarios.

E tamén se aprobou por unanimidade a declaración das plataformas municipais para carrozas da cabalgata de Reis como efectos non utilizables coa finalidade de retirar estes vellos elementos para que poidan ser sometidos á desafectación e eliminalas do inventario municipal.

Publicacións Relacionadas