A alcaldesa mantivo un encontro con representantes do club nesta mañá
Sampedro informou de que a Deputación solicitou un estudo xeotécnico en maio do 2025 e foi contratado a finais de novembro
O proxecto modificado está pendente de aprobar polo ente provincial
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro, Víctor Reiriz, mantiveron un encontro de traballo coa directiva do Club de Fútbol de Carreira para informar de que o Concello avanza no proxecto da bancada do campo da parroquia despois de que a Administración local “rematase na semana pasada de dar solución a unha eiva que requirira a Deputación da Coruña en maio do 2025, sen producirse ningún avance ata a entrada do novo equipo de goberno”, apunta a rexedora.
O proxecto consiste na construción dunha nova bancada no campo de fútbol de Carreira por un importe total de arredor de 260.000 euros dentro do POS+2025 da Deputación da Coruña. Sampedro explica que a Administración local recibiu en maio do ano pasado un requirimento por parte do ente provincial no que solicitaba un estudo xeotécnico; “un estudo que non se fixo nese momento, cando estaba o anterior goberno, e que se contratou a finais de novembro xa coa entrada do actual executivo e que se fixo no ano en curso”, aclara.Segundo reflexaron os resultados dese estudo xeotécnico, o terreo onde se contemplaba a nova bancada “non era apto tal e como estaba feito o proxecto para executarse” e, en consecuencia, opersoal técnico municipal, fixo modificacións nesa futura actuación, entre eles, a construción duns tanques formigón ciclópeo. “Este proxecto está subsanado dende a semana pasada e enviado á Deputación da Coruña, á espera de recibir contestación pola súa parte. Nós imos avogar sempre pola seguridade e este proxecto tamén estaba supeditado a que se realizase ese estudo xeotécnico requirido polo ente provincial”, declara a mandataria local.
A isto, engadiu que “unha vez teñamos resposta por parte da Deputación de que está todo correcto e completo, o Concello ten a absoluta prioridade de sacalo a licitación.”
50 aniversario do club
Outra das cuestións a abordar durante a reunión foi o do 50 aniversario do club de fútbol que se celebrará no 4 de xullo, para ir definindo as actividades a realizar por tal efeméride.

