A cita terá lugar no arboreto da Cortiña o último domingo de abril
O paseo fluvial e a contorna da Cortiña, en San Sadurniño, acollerán o domingo 27 de abril a XXVIII Feira da Plantación. O evento, organizado polo Concello, busca poñer en valor a produción de planta e flor, ademais de ofrecer unha plataforma de venda para a produción e a artesanía da nosa zona. A Área de Desenvolvemento Local está a preparar unha programación con obradoiros, exposicións, actuacións musicais, que virán complementar unha grande variedade de postos de venda de planta ornamental, maquinaria, produtos agroalimentarios e artigos feitos á man. As persoas interesadas en instalar un posto poderán inscribirse ata o martes 15 de abril. A solicitude deberá presentarse cuberta a través da Sede Electrónica, presencialmente nas oficinas municipais ou por correo postal.
A feira abrirá entre as 10:00 a 19:45 horas e contará, coma sempre, con moitísima planta de temporada, árbores froiteiras e materia prima para todo tipo de morteiros. Ademais, na Cortiña tamén poderemos atopar sementes, ferramentas, maquinaria e practicamente calquera útil relacionado coa mantemento de hortas e xardíns.
Canda a oferta comercial haberá obradoiros, actuacións musicais, demostracións, sorteos -entregaranse boletos de balde con cada compra- e, como non, a bolsiña con planta ornamental coa que o Concello e Vivergal obsequian a todas as persoas que se acheguen á feira.
Para poder participar na feira cun posto será necesario presentar a solicitude antes do 15 de abril no rexistro municipal, na Sede Electrónica ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, O Casal 15, 15560, San Sadurniño). Este ano hai dúas novidades: os postos de artesanía deberán estar inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia e os produtos que se anuncien como ecolóxicos deberán contar coa certificación do CRAEGA.
As tarifas de participación varían segundo o espazo solicitado, cun máximo de 15 metros lineais para postos convencionais e 25 metros para viveiros e maquinaria. As entidades sen ánimo de lucro poderán participar de balde, cun límite de 5 metros frontais por 5 de fondo.
Ofrécese, ademais, a posibilidade de que o Concello se encargue da montaxe de carpa e/ou toma de corrente, o que implica que o posto teña que pagar unha taxa superior na que se inclúe a cota e a instalación dese equipamento.
Cotas de participación:
1 a 5 metros frontais por 5 de fondo: 10€
6 a 15 metros frontais por 5 de fondo: 25€
16 a 25 metros frontais por 8 de fondo: 60€
Postos con carpa de 5x5m instalada polo Concello: 110€
Postos con carpa de 12x6m instalada polo Concello: 210€
O listado de postos admitidos publicarase o 21 de abril. Unha vez confirmada a participación, deberá realizarse o pagamento da cota correspondente na conta bancaria indicada na folla de inscrición. O propio día da feira haberá que presentar o resgardo do pago para poder entrar e montar o posto no recinto.