HomeA CoruñaO Concello de San Sadurniño celebra este xoves un pleno ordinario protagonizado...

O Concello de San Sadurniño celebra este xoves un pleno ordinario protagonizado polas mocións

- Anuncio -spot_img

O último xoves do mes de marzo é día de pleno ordinario en San Sadurniño. Así, para as 19:30h deste día 27 está fixada unha sesión que leva na súa orde do día un total de nove puntos, entre os que destacan as tres mocións relacionadas coa sanidade pública, coa execución dos Fondos da Transición Xusta e co rexeitamento á macrocelulosa proxectada por Altri en Palas de Rei. Ademais tamén se tratarán dous asuntos que seguramente atopen a unanimidade plenaria, un deles sobre un cambio na distribución do POS Social da Deputación e o outro ao respecto da solicitude de inclusión de San Sadurniño nas axudas do IDAE para iluminacións públicas. Se non hai problemas técnicos, a sesión emitirase ao vivo a través da canle municipal en Youtube, compartindo o reprodutor tamén en Facebook.

O primeiro tema que entrará no debate plenario -despois do requisito da aprobación da acta anterior- será a moción defendida polo BNG, a instancias da Plataforma SOS Sanidade Pública, na que se solicita o apoio do Concello á manifestación prevista para o 6 de abril en Compostela en defensa da Sanidade Pública galega. O texto insta á corporación municipal a apoiar as reivindicacións para mellorar a atención primaria e hospitalaria, así como a frear a privatización do sistema sanitario público.

Outra das mocións, presentada tamén polo BNG, céntrase na distribución que pretende facer a Xunta dos máis de 100 millóns de euros dos Fondos da Transición Xusta que debe xestionar. Un reparto que se efectuará a través de distintas convocatorias da Consellaría de Economía e Industria e da Consellaría de Emprego que, segundo se apunta na moción, non estaría respectando os criterios establecidos para garantir que os recursos cheguen realmente aos territorios afectados polo peche de centrais térmicas.

O BNG denuncia que a Xunta asignou os recursos de maneira que non se dá prioridade real aos 19 concellos incluídos no Protocolo de Actuacións dos Convenios de Transición Xusta (entre eles San Sadurniño), xa que nas convocatorias públicas de axudas só se establecen bonificacións mínimas para estas zonas (10 puntos sobre 100 en algúns casos, e mesmo deixando fóra concellos como Muras, Xermade e Vilalba).

O Bloque tamén critica que Consellaría de Industria, quen xestiona a maior parte dos cartos, destine boa parte dos fondos a instrumentos financeiros para grandes empresas, en lugar de favorecer directamente ás pemes e proxectos locais que poderían garantir unha transición real e sostible.

En terceiro lugar, na sesión ordinaria tamén debaterá unha moción contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. O texto expresa o rexeitamento do Pleno a esta industria por considerar que terá graves repercusións ambientais e sociais, afectando ao río Ulla e á ría de Arousa. O grupo municipal do BNG insta ao Concello a apoiar as mobilizacións contra este proxecto e a solicitar ao Goberno do Estado que non lle conceda fondos públicos.

Alén destas cuestións, o pleno abordará a redistribución dos apartados recollidos no POS+ adicional 01/2025 -o denominado “POS Social”-, que non implicará ningunha merma económica, e tamén se pronunciará sobre a concorrencia do Concello ás liñas crediticias do IDAE para a renovación das principais redes de iluminación pública.

Ao tratarse dunha sesión de carácter ordinario, o pleno tamén inclúe apartado de rogos e preguntas que, igual que o resto da orde do día, poderá seguirse ao vivo a través da canle de Youtube do Concello de San Sadurniño e da páxina municipal en Facebook.

Publicacións Relacionadas