HomeA CoruñaO Concello de San Sadurniño completa dous dos tres grandes aglomerados previstos...

O Concello de San Sadurniño completa dous dos tres grandes aglomerados previstos para este ano

- Anuncio -spot_img

O consistorio acaba de executar a reparación da pista de acceso á área deportiva dos Currás e o tramo O Castro-A Bañoca, en Bardaos, que vén completar a renovación integral dos cinco quilómetros que enlazan Santa Mariña do Monte co límite de Moeche

En breve comezará un terceiro proxecto, centrado no aglomerado de dúas pistas de Santa Mariña e do Camiño Arriba

A empresa José No Mantiñán e Hijos completou nestes días dous dos proxectos de aglomerado da rede viaria previstos polo Concello para este ano 2025. Foron os aglomerados desde O Castro até A Bañoca, en Bardaos, e desde a capela de Belén até a área deportiva dos Currás. O primeiro proxecto supón o remate da renovación de todo o eixo que enlaza Santa Mariña con Moeche, reparado en varias fases nos últimos anos polo Concello, mentres que a mellora da pista que leva á piscina e o campo de fútbol de San Sadurniño atende a unha demanda veciñal que debeu agardar a que houbese dispoñibilidade económica para poder cumprirse. De feito, ambas actuacións, que en conxunto supoñen un investimento total de 147.000 euros, fináncianse con cargo ao segundo Plan Adicional da Deputación da Coruña de 2024. O Concello ten en fase de contratación neste momento un terceiro paquete para aglomerar outras dúas pistas no Camiño Arriba e en Santa Mariña do Monte, cun orzamento de 104.336,39 euros que se cubrirán en parte co plan Camiña Rural da AGADER.

A pista á que onte se lle botou a nova capa de rodadura aglomerada comeza no cruzamento da Capela do Belén -no Campo da Feira- e chega até o aparcadoiro das instalacións dos Currás cubrindo un trazado de 840 metros de lonxitude polo que se serven diariamente as veciñas e veciños dunha vintena de vivendas, ademais de moitas persoas usuarias do campo de fútbol e, no verán, tamén da piscina municipal.

Foi precisamente o uso intensivo deste acceso nos últimos anos o que propiciou a aparición de baches e irregularidades e tamén a razón de que o Concello apostase por un proxecto que fose máis aló dunha simple reparación. De aí que se deseñase unha actuación para cambiar o firme por outro máis duradeiro e tamén para incrementar o ancho, de modo que agora poden cruzarse dous coches gardando maior distancia entre eles.

O firme presentaba un bo estado estrutural, aínda que nalgúns puntos xa apareceran baches e, ademais, o trazado requiría que se igualase a planimetría para darlle maior regularidade e, de paso, tamén un ancho uniforme. De feito, a pista ganou uns 45 centímetros por cada lado, pasando de 3,5 a 4,4 metros, o que obrigou a soterrar parte da cuneta na zona máis elevada -houbo que instalar novas tubaxes e rexistros- e a nivelar correctamente tanto os accesos ás vivendas como a conexión con Marqués de Figueroa para que a transición sexa imperceptible.

A obra, adxudicóuselle a José No Mantiñán e Hijos en 85.789 euros. A empresa completou onte o aglomerado de todo o percorrido e nestes días agárdase que tamén deixe lista a sinalización.

Reparación da pista O Castro – A Bañoca e contratación doutras dúas en Santa Mariña e o Camiño Arriba
A construtora especializada en obra pública tamén finalizou hai escasos días o aglomerado do tramo O Castro-A Bañoca, en Bardaos, cun investimento de 61.347 euros financiados -igual que a pista dos Currás- con cargo ao Plan Adicional 02/2024 da Deputación da Coruña. Neste caso foron uns 800 metros que, ademais de repararse, tamén contan desde agora cun ancho medio de 5 metros.

Esta actuación foi a última dunha serie de catro que o Concello de San Sadurniño foi acometendo en 2018, 2021 e 2024 para mellorar a seguridade e uniformizar co mesmo tipo de firme os cinco quilómetros do percorrido Santa Mariña-Bardaos-San Ramón de Moeche, principal eixo de comunicación interior do norte de San Sadurniño.

Deste xeito quedan listos dous dos tres grandes proxectos de aglomerado da rede viaria programados polo Concello para este 2025. O terceiro, en fase de contratación neste momento e orzamentado en 104.336,39 euros, refírese á reparación das pistas Ramisqueiras-As Leiras-Vilela, no Camiño Arriba, e Vilela-Vilachá, en Santa Mariña do Monte, que neste último caso tamén inclúe o asfaltado dun tramo na Pena.

Estas obras, de comezo inminente, contan cunha achega lixeiramente superior aos 86.000 euros procedentes do Plan Camiña Rural posto en marcha pola AGADER con fondos europeos.

Publicacións Relacionadas