O persoal municipal descubriu esta mañá múltiples desperfectos causados presumiblemente durante a noite no parque de Educación Infantil do CPI. Os actos vandálicos afectaron á decoración do patio cuberto, a unha caseta de xogos e deixaron lixo esparexido pola zona tras o baleirado dun colector. A contía dos danos é reducida, mais o Concello puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil para reforzar a vixilancia e buscar ás persoas responsables. Os servizos municipais xa recolleron os restos da desfeita e o parque, aberto durante todo o ano, incluso fóra dos horarios lectivos, pode utilizarse con normalidade.
Os danos detectáronse esta mañá cando se comprobou que a decoración do patio cuberto estaba danada, unha das casetas de xogos fora obxecto de desperfectos e que alguén baleirara intencionadamente un dos colectores, deixando lixo espallado pola zona de xogos. Unha situación que obrigou ao Concello a intervir de inmediato para limpar o espazo e comprobar o bo estado dos xogos.
A pesar de que os danos materiais non son de gran entidade, o alcalde, Secundino García Casal, mostrou o seu malestar e advertiu que “este tipo de comportamentos deben ser perseguidos, porque supoñen un atentado contra bens públicos e, o que é máis grave, contra espazos pensados para o desfrute da rapazada e das familias”. Ademais, fixo un chamamento “ao respecto e o coidado” das instalacións municipais “por unha cuestión de educación cívica e tamén polo seu custe, que o pagamos todas e todos”.
O parque infantil foi obxecto dunha importante mellora hai algo máis dun ano cun investimento de arredor de 67.000 euros, 40.000 procedentes dunha axuda da Xunta de Galicia. As obras permitiron cubrir o espazo, acolchar o pavimento e instalar novo mobiliario de xogos, pensando non só no alumnado de infantil do CPI, senón tamén nas familias que desexen facer uso da zona fóra do horario lectivo e durante as fins de semana.
Desde o executivo municipal xa se puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil, solicitando que se incremente a vixilancia nos arredores para tentar identificar ás persoas responsables e evitar que se repitan incidentes deste tipo. O Concello lembra a este respecto que o mantemento dos equipamentos públicos “depende tamén do compromiso colectivo” e fai un chamamento á colaboración cidadá “para que ninguén deixe correr este tipo de comportamentos vandálicos se os presencia ou se sabe quen os comete”, pide o alcalde.