O Concello de San Sadurniño vén de anunciar que reforzará os controis sobre o estado das leiras próximas a vivendas, camiños e infraestruturas, ademais de intensificar a vixilancia do cumprimento da lei de montes en materia de distancias de plantación. A medida, que chega precedida de anos de advertencias a través do boletín Novas e das redes sociais, responde á grave situación de incendios vivida este verán en Galicia e noutras zonas do Estado, que puxo de manifesto a necesidade de extremar a prevención. O alcalde, Secundino García Casal, acaba de asinar un bando no que apela á responsabilidade colectiva e lembra que manter limpas as faixas de protección é unha obriga legal, pero tamén un deber de solidariedade co conxunto da veciñanza.
Para o Executivo local, a xestión da biomasa non é só unha cuestión estética ou de salubridade, senón, fundamentalmente, de seguridade. Neste sentido, a normativa autonómica recolle a obrigatoriedade de manter limpas as faixas secundarias —50 metros ao redor de solo urbano, núcleos rurais e edificacións— , tal e como establece a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Segundo informa a Secretaría Municipal, a Administración local “leva anos notificando” ás persoas propietarias que incumpren estas obrigas. Notificacións que son atendidas na súa maioría, pero que en certas ocasións son obviadas polas persoas titulares dos terreos. Neste sentido, desde este servizo xa se avanza que, logo dun prazo de avisos “máis que prudencial”, o Concello “está a realizar os últimos trámites para impoñer as sancións correspondentes, e de ser necesaria a execución subsidiaria das limpezas, repercutir tamén os gastos destes traballos”.
A realidade das últimas semanas, con incendios devastadores principalmente en Ourense e ao longo da Vía da Prata, reforza a necesidade de actuar con contundencia. Estes lumes puxeron en risco vidas, vivendas e cultivos, lembrándonos de novo que a mellor estratexia contra os incendios é a prevención. “O lume destrúe os nosos montes e a súa diversidade, pero tamén pon en perigo as nosas casas e, o máis importante, as nosas vidas”, sinala García Casal no bando municipal publicado este xoves para apelar unha vez máis á concienciación veciñal.
Por outra banda, a lei de montes de 2012 tamén marca distancias mínimas para as plantacións forestais, coa finalidade de evitar que determinadas especies propaguen o lume cara a casas, estradas e infraestruturas. O incumprimento destas normas, xunto coa falta de limpeza das faixas, converte certas áreas en auténticos polvoríns. “Plantar árbores demasiado preto das casas ou das pistas aumenta o risco de que o lume chegue ás nosas portas”, recolle o documento asinado polo alcalde, en referencia, sobre todo, ás especies amigas do lume como son os eucaliptos.
O Goberno local recorda tamén neste bando que xa se iniciaron varios expedientes por incumprimento da normativa e que, de ser necesario, o Concello actuará de forma subsidiaria para limpar as parcelas, repercutindo despois os custos nas persoas titulares. Ademais, tamén iniciará o procedemento sancionador correspondente, que pode derivar en “multas importantes” para quen non cumpra coa normativa.
Porén, desde o Goberno local síguese confiando na pedagoxía e na sensibilización veciñal. De feito, García Casal insiste en que “antes de chegar a eses extremos é preferible que todas e todos colaboremos”. O obxectivo é evitar que unhas poucas persoas irresponsables poñan en perigo a seguridade de toda a comunidade.
O Concello de San Sadurniño chama a toda a veciñanza a tomar conciencia e a cumprir coas obrigas legais e ambientais. “Manter limpas as faixas non é só unha obriga legal, senón que tamén se trata dun acto de responsabilidade e solidariedade co noso entorno”, conclúe o alcalde. Co esforzo colectivo, engade, será posible reducir o risco de incendios e garantir que o municipio siga a ser “un lugar verde, seguro e acolledor para vivir”.