- Son tres proxectos que saen a contratación por separado, pero que en conxunto superan os 181.000 euros
- As obras financiaranse con cargo ao segundo plan adicional do POS da Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña liberou recentemente unha nova partida económica do POS para que os concellos poidan continuar facendo investimentos en servizos e infraestruturas básicas. A San Sadurniño correspondéronlle algo máis de 209.000 euros que se van dedicar na súa maior parte a mellorar o estado de seis pistas repartidas polas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío. As obras agrupáronse en tres proxectos que xa están publicados na plataforma de contratación do sector público para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas. O prazo remata ás 23:59h do día 17 de xullo.
Os aspectos técnicos que se recollen nos pregos explican que, en xeral, os labores estarán centrados no reasfaltado de camiños que presentan desgaste ou desperfectos en parte do seu trazado. Ademais tamén se aproveitará para darlles un ancho uniforme naqueles puntos onde sexa posible, xa que todas as pistas teñen medidas variables que van desde os 3,5 ata os 4,5 metros.
O procedemento de reparación será practicamente idéntico en todos os casos: primeiro un varrido do firme e unha limpeza das cunetas, logo o arranxo de baches atacándoos cunha mestura de grava e piche e, por último, o estendido dunha nova capa de rodadura alternando regas asfálticas con saburra (grava fina). Nalgún dos lugares aproveitarase para entubar escorrentías.
Na orde en que están publicados os proxectos na páxina dos contratos públicos, o primeiro que aparece é o da pavimentación dos camiños da Fraguela ata a Casatellada e desde A Fraguela ata as Costeiras, en Igrexafeita. Son dúas pistas conectadas entre si que enlazan estes tres lugares situados ao lado de abaixo da AG-64. Entre os dous camiños suman 1,7 quilómetros de percorrido polo que se serven unha ducia de vivendas. O investimento está cuantificado en 50.818,75 euros, ive incluído.
O seguinte proxecto na relación é o das pistas de Naraío. a primeira delas, de 1.665 metros, é en realidade un entramado de camiños: o que vai desde a Ferraría até a Cernada e o que arranca no cruzamento de Pielas para bifurcarse despois dúas veces máis ata chegar ao Batán e o Muíño. Neste caso trátase dunha rede na que hai cerca dunha trintena de vivendas a un e outro lado dos camiños. Dentro deste mesmo plan de actuacións tamén se incluíu o asfaltado desde Quintiá ata o límite coa Capela (a pista que leva a Formariz). As obras están orzamentadas en 70.486,08 euros, impostos incluídos.
O terceiro e último proxecto que se encontra en fase de licitación pública -por agora- é o referido á pista de Cadavás (900 metros) e a que comunica os Pontigos con Piñeiros, en Ferreira, de 1,5 quilómetros de lonxitude aos que se lle engaden os 100 metros dos enlaces coas vivendas no núcleo de Piñeiros. O orzamento de ambas obras é de 59.824,97 euros.
O sumatorio total destes tres proxectos ascende a 181.129,80 euros que se financiarán con cargo ao POS Adicional 02 da Deputación da Coruña. Estas actuacións foran aprobadas en pleno a principios de ano como previsión, en espera de que o ente provincial xerase fondos para poder levalas a cabo. Posto que San Sadurniño recibirá agora 209.000 euros de achega, o Concello ten previsto investir os case 28.000 euros de diferencia nun proxecto que se levará a pleno, previsiblemente, este mes de xullo.
Aquelas empresas que queiran presentar ofertas para facer os traballos viarios que xa se están licitando deben saber que o prazo remata ás 23:59h do día 17 deste mes de xullo. Os pregos e outra información poden atoparse na plataforma de contratación co Sector Público.