HomeA CoruñaO Concello de San Sadurniño pon en marcha un Punto Limpo móbil

O Concello de San Sadurniño pon en marcha un Punto Limpo móbil

- Anuncio -spot_img
  • Este equipamento incorpora modificacións solicitadas polo Concello que lle permitirán funcionar tamén como illa de colectores en feiras, festas e outros eventos
  • A Administración local investiu 18.119,75 euros, cofinanciados cunha axuda autonómica de 13.477,50 euros

O Concello de San Sadurniño recibiu este mediodía o seu novo Punto Limpo móbil, un equipamento pioneiro que  permitirá  achegar a distintos lugares do municipio a recollida de residuos que non poden depositarse nos colectores convencionais. Trátase dun remolque especial deseñado como proxecto piloto en colaboración coa empresa Baygar, que poderá moverse e permanecer varios días en cada parroquia, ademais de estar presente en eventos concorridos co obxectivo de promover a redución, a separación en orixe e a reciclaxe. O investimento total foi de algo máis de 18.000 euros, cofinanciados cunha achega de 13.477 euros da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático a través da liña de subvencións para actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

O remolque conta con 15 bocas diferenciadas para pequenos refugallos como pilas, cápsulas de café, fluorescentes, trapos contaminados, aerosois, tóners, teléfonos móbiles, CDs e DVDs. Dispón ademais de tres colectores de 90 litros para xoguetes e plásticos ríxidos, lixo dixital —ordenadores, táblets, consolas, cascos, etc.— e restos de pinturas, vernices ou disolventes. O deseño incorpora tamén dous colectores de 369 litros, destinados a pequenos electrodomésticos, aparellos eléctricos e baterías.

“Menos mobles, colchóns e outros voluminosos de grande tamaño, neste Punto Limpo móbil poderá depositarse todo o que habitualmente levamos a Narón ou retiramos das casas co servizo de voluminosos con cita previa”, explica a concelleira responsable da área de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López.

Secundino García Casal engade, pola súa banda, que o remolque “permitiranos achegar o servizo aínda máis á veciñanza, deixándoo durante algún tempo en puntos concretos e máis ou menos céntricos de cada parroquia, onde é habitual que aparezan electrodomésticos, xoguetes vellos e outros impropios dentro ou ao pé dos colectores do lixo. Ademais, movendo o punto limpo tamén agardamos seguir reducindo os pequenos vertedoiros incontrolados que aparecen de vez en cando en boqueiras de camiños e outros lugares”.

O alcalde avanza que as paradas do Punto Limpo móbil -que quedará nun mesmo sitio varios días- definiranse proximamente, publicitando previamente desde o Concello tanto o calendario como as localizacións onde vai permanecer.

Unha das principais novidades que incorpora este Punto Limpo móbil con respecto ao doutros municipios é que se poderá empregar tamén como illa móbil de residuos domésticos (resto, orgánica, envases lixeiros, cartón e vidro), segundo as necesidades. O sistema é simple, xa que os carteis identificadores de cada boca son magnéticos e poden cambiarse por outros, adaptando os depósitos ao tipo de lixo que se queira recoller.

Esta característica tan  enxeñosa -implementada por Baygar por proposta do Concello de San Sadurniño- multiplica a funcionalidade do equipamento e faino especialmente útil en eventos con moito público, como poden ser as feiras da primavera e o verán.

“O Punto Limpo móbil é unha grande caixa compartimentada que pode almacenar materiais moi diversos, non só voluminosos. Comentámolo coa empresa e, cunhas pequenas modificacións, temos un equipamento moito máis polivalente que podemos utilizar para, por exemplo, deixar nunha festa, nunha feira ou nun festival. Así a xente que vaia a eses eventos poderá facer unha correcta separación en orixe de latas, vidro, papeis, envoltorios e outros restos que en moitos casos se mesturaban nun mesmo colector”, explica Raquel Piñeiro López.

Deste xeito, San Sadurniño conta desde xa cunha nova ferramenta práctica e flexible para favorecer unha correcta separación en orixe e a redución dos impropios que encarecen en termos económicos e ambientais o sistema de recollida e tratamento do lixo. Ademais, o Punto Limpo móbil tamén fai as veces de punto de información, posto que a parte traseira e un dos seus lados levan información sobre a xestión do lixo orgánico -que debe botarse nos composteiros- e sobre como separar os demais restos, incluída a roupa que pode depositarse nos colectores específicos repartidos polo territorio.

Cómpre ter en conta, por último, que o Punto Limpo móbil chega para reforzar o servizo municipal de recollida domiciliaria de voluminosos, que seguirá funcionando coma sempre chamando ao 981 490 027 para concertar a retirada na porta da casa de mobles vellos, electrodomésticos e outros refugallos.

Publicacións Relacionadas