HomeA CoruñaO Concello de San Sadurniño reparará sete quilómetros de pistas municipais con...

O Concello de San Sadurniño reparará sete quilómetros de pistas municipais con cargo ao segundo plan adicional da Deputación

- Anuncio -spot_img

O Consistorio deseñou catro proxectos para as parroquias de Santa Mariña, Ferreira, Naraío e Igrexafeita. Tres xa están contratados e o cuarto licitarase en cousa de días

O Concello de San Sadurniño rematou hai escasos días os procedementos de licitación pública para levar a cabo tres proxectos de reparación que engloban seis pistas repartidas polas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío. Os trazados, aos que se lles van limpar as cunetas, repararlles os desperfectos e botarlles unha nova capa de asfalto, suman un total de 5,8 quilómetros e suporán un investimento conxunto lixeiramente superior aos 171.000 euros, impostos incluídos, financiados con cargo ao Plan Adicional 02 da Deputación da Coruña. Grazas a este programa provincial tamén se acometerán outros 1,2 quilómetros de melloras en tramos das pistas da Castiñeira e a Esperanza (Santa Mariña do Monte) e de Santiso e as Filgueiras (Ferreira), aínda que neste caso haberá que agardar a que as obras saian a contratación nos próximos días.

Os que si están adxudicados e cos contratos asinados son os proxectos licitados a comezos do verán, dos que se ocupará a empresa José No Mantiñán e Hijos. Segundo os pregos técnicos, o traballo estará centrado no reasfaltado de camiños que presentan desgaste ou desperfectos en parte do seu trazado. Ademais tamén se aproveitará para darlles un ancho uniforme naqueles puntos onde sexa posible, xa que todas as pistas teñen medidas variables que van desde os 3,5 ata os 4,5 metros.

O procedemento de reparación será practicamente idéntico en todos os casos: primeiro un varrido do firme e unha limpeza das cunetas, logo o arranxo de baches atacándoos cunha mestura de grava e piche e, por último, o estendido dunha nova capa de rodadura alternando regas asfálticas con saburra (grava fina). Nalgún dos lugares aproveitarase para entubar escorrentías.

Así, en Igrexafeita pavimentaranse os camiños da Fraguela ata a Casatellada e desde A Fraguela ata as Costeiras. Son dúas pistas conectadas entre si que enlazan estes tres lugares situados ao lado de abaixo da AG-64. Entre os dous camiños suman 1,7 quilómetros de percorrido polo que se serven unha ducia de vivendas. O investimento final situarase en 48.037 euros, uns 2.000 euros por debaixo do orzamento no que esta obra saíu a contratación.

No caso de Naraío hai previstas dúas intervencións financiadas polo Plan Adicional 02. A primeira delas, de 1.665 metros, é en realidade un entramado de camiños: o que vai desde a Ferraría até a Cernada e o que arranca no cruzamento de Pielas para bifurcarse despois dúas veces máis ata chegar ao Batán e o Muíño. Neste caso trátase dunha rede na que hai cerca dunha trintena de vivendas a un e outro lado dos camiños. Dentro deste apartado de obra pública tamén se incluíu o asfaltado desde Quintiá ata o límite coa Capela (a pista que leva a Formariz). As obras, orzamentadas en 70.486,08 euros, impostos incluídos, foron adxudicadas en en 66.550.

O terceiro e último proxecto que se licitou a comezos do verán é o referido á pista de Cadavás (900 metros) e a que comunica os Pontigos con Piñeiros, en Ferreira, de 1,5 quilómetros de lonxitude, aos que se lle engaden os 100 metros dos enlaces coas vivendas no núcleo de Piñeiros. O orzamento de ambas obras aproximábase aos 60.000 euros e, finalmente, foi adxudicada en 56.507.

O sumatorio total destes tres proxectos ascenderá, polo tanto, a 171.000 euros. Os tres foran aprobados en pleno a principios de 2025 como previsión, en espera de que a Deputación da Coruña xerase fondos para poder levalos a cabo. Posto que a San Sadurniño se lle consignaron a mediados de ano os 209.000 euros do Plan Adicional 02, o Concello preparou outro proxecto a maiores valorado en algo máis de 34.000 euros para completar o importe da achega. Ese novo paquete viario -aprobado no pleno de xullo- permitirá reparar outros 1,2 quilómetros en Santa Mariña e en Ferreira.

Máis en detalle, en Santa Mariña do Monte melloraranse dous tramos do camiño da Castiñeira -cun total de 510 metros- e un segmento de 200 metros da pista que discorre polo lugar da Esperanza. En Ferreira, as actuacións ocuparanse tamén de dous tramos danados da pista que baixa desde a Leiriña até Moeche. Son o segmento comprendido entre os desvíos de Santiso e Lapas de Abaixo, de 325 metros de lonxitude, e o que vai desde o cruzamento das Filgueiras até o límite co concello veciño, de 210 metros. Tanto estes de Ferreira coma os de Santa Mariña teñen un ancho medio de entre 3,5 e 3,75 metros, ampliado en puntos como cruzamentos e accesos.

Con este proxecto, de licitación inminente, o plan extraordinario da Deputación dará para reparar 7 quilómetros da rede viaria municipal.

Publicacións Relacionadas