Home A Coruña O Concello e a Asociación ecuestre 23 de Abril ultiman os preparativos...

O Concello e a Asociación ecuestre 23 de Abril ultiman os preparativos para o sábado

- Anuncio -

A feira cabalar do San Xurxo deste 2022 promete volver con máis forza que nunca. A cita cae en sábado, tras dous anos suspendida pola pandemia e, malia a incerteza sobre o tempo, todo apunta a que será multitudinaria. Así o indican as cerca de 180 inscricións rexistradas para participar nos concursos (40 máis que en 2019), ás que haberá que sumarlle a afluencia do público habitual da cita: xente á busca de comprar ou vender cabalo, xente que acode ver outro gando, tamén quen se achega á procura de planta e outros produtos e, sobra dicilo, toda aquela que vén a Moeche gozar do ambiente que se vive neste día grande, tapa de polbo ou churrasco incluída. Ante estas perspectivas, o Concello e a Asociación ecuestre 23 de Abril -que subscribiron recentemente un convenio para organizar a feira conxuntamente de maneira transitoria- teñen xa preparada a loxística de seguridade e de tráfico para que todo marche sen incidencias.

Durante a xornada do sábado o centro urbano de Moeche e o recinto feiral permanecerán pechados ao tráfico salvo para residentes e para a entrada e saída de postos da feira, que deberán estar instalados seguindo os horarios habituais de calquera outra cita do 11 ou o 23. A veciñanza da zona pode retirar no Concello os seus pases de acceso até este venres ao mediodía.

Tal e como se describe no plan de circulación, o acceso desde a estrada de Ortigueira só poderá facerse en sentido único entrando pola Rúa da Feira e seguindo logo pola Rúa Nova ata a avenida 23 de Abril, desde onde se poderá volver saír á AC-862. Os pasos estarán cortados á altura de Casa Sixto, da Capela de San Ramón -para baixar a Cristo do Rañal-, no desvío da Casabranca e tamén na chegada ao casco urbano vindo desde o fondo de Moeche.

Porén as persoas participantes na feira e o público non terán que andar moito, xa que nas inmediacións de cada un deses puntos de acceso restrinxido habilitaranse un total de 8 aparcadoiros, ademais doutros dous reservados preto da capela para camións, todos eles regulados por persoal de Protección Civil. Así se especifica tamén no Plan de Emerxencias do evento, onde figura a asistencia da Garda Civil e de Servizos Sanitarios -haberá dúas ambulancias- para garantir unha rápida resposta ante calquera incidencia que puidera producirse.

Neste sentido, desde o Goberno local e a Asociación ecuestre 23 de Abril agradécese a colaboración do posto da Garda Civil de San Sadurniño, dos concellos das Pontes, San Sadurniño, Valdoviño, Neda e Ferrol, así como a de Navantia, que contribúen á organización achegando material e desprazando efectivos e agrupacións municipais de Protección Civil.

Convenio Concello-Asociación
O Concello de Moeche convértese este ano entidade organizadora canda a Asociación Ecuestre 23 de Abril. Ata agora o consistorio colaboraba coa asociación con apoio económico e loxístico, algo que cambia na presente edición da feira cabalar por medio dun convenio sen dotación económica asinado o luns.

A participación municipal como coorganizadora ten un carácter extraordinario e, en principio, só para o evento deste 2022. A decisión adoptouse hai uns meses ante a incerteza sobre se o evento ía poder desenvolverse ou non por motivos sanitarios e ante a imposibilidade de subscribir con tempo de adianto suficiente un convenio económico que debía ir recollido no orzamento municipal.

O acordo establece que a asociación e o Concello asumirán distintas tarefas e compartirán os gastos organizativos. Así, o colectivo ocuparase de todo o relacionado coas probas, os premios, a coordinación da pista e a xestión do espazo do evento, comprendido desde Piensos Pazo até o remate de Cristo do Rañal, algo máis arriba do Centro de Saúde.

O Concello encargarase, entre outros cometidos, da solicitude de permisos á Xunta e a Deputación, da presenza de persoal de seguridade e sanitario, do plan de prevención de riscos, da regulación do tráfico, da habilitación de aparcadoiros, das ambulancias, dos seguros e da instalación de valados e outro equipamento. Tamén se fará cargo da contratación de servizos veterinarios e coordinará coa Garda Civil e Protección Civil o dispositivo para que a feira se desenvolva con normalidade.

Relacionadas

Arranca a nova edición das Xornadas Literarias de Neda centrada na cultura xaponesa

0
A Casa das palmeiras acollía esta tarde a inauguración da XIX edición das Xornadas Literarias de Neda. Unha cita que, baixo o título de...

O pleno abordará o próximo martes a modificación das ordenanzas reguladoras do Programa de...

0
Manteranse as bonificacións de ata o 50 % nas tarifas xerais de acordo a circunstancias socio-familiares e económicas. O martes da próxima semana (30 de...

Accidente de tráfico na N-6 á altura do punto quilométrico 556 ao seu paso...

0
Os bombeiros do Parque Comarcal Provincial de Betanzos foron alertados ao redor das 12:30 de horas da mañá de hoxe, 25 de abril, dun...

O Concello lanza unha serie de paseos guiados para afondar na relación de Compostela...

0
'Compostela e as orixes da lingua' ofrece unha andaina guiada co que achegarse ás orixes de Compostela e a súa relación coa lingua galega...

A Coruña acolle este domingo a XXIX Carreira Alternativa

0
Baixo o lema ‘Máis igualdade e inclusión’, a proba percorrerá 7 quilómetros con saída e chegada na praza de María Pita A Coruña acollerá este...

Todos os contratos do Concello de Oleiros adxudícanse conforme á lei

0
Nun interesado exercicio de manipulación, La Voz de Galicia publica hoxe unha noticia falsa en relación ás contratacións do Concello de Oleiros, cando todas...

Publicacións Relacionadas