HomeA CoruñaO Concello e Taller Alecrín retoman os obradoiros de baile para adultos...

O Concello e Taller Alecrín retoman os obradoiros de baile para adultos no CEP Salustiano Rey

- Anuncio -spot_img

· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o director técnico e pedagóxico de Taller Alecrín, Francisco Muñiz, presentaron a nova edición da actividade.

Aprender a bailar swing, polka, bachata, chachachá, salsa ou tango será unha posibilidade na Pobra ao longo do curso 2025/2026. Todo grazas á colaboración entre o Concello e Taller Alecrín, que porán en marcha tres obradoiros regulares de baile para adultos no CEP Plurilingüe Salustiano Rey entre os meses de outubro e xuño. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o director técnico e pedagóxico de Taller Alecrín, Francisco Muñiz, presentaron a nova edición desta iniciativa, que está encadrada no programa Compromiso co baile que a compañía desenvolve na comarca do Barbanza e Santiago.

Durante a súa intervención a concelleira de Cultura animou á cidadanía a sumarse a estas actividades, que reportan “un amplo número de beneficios tanto a nivel físico como emocional e social”. A edil confía en repetir as cifras de asistencia acadadas “en edicións anteriores, cando se contou cun amplo número de persoas participantes”.

Por unha banda, organizaranse dous talleres (un de nivel inicial e outro de intermedio) de linedance para singles no que os participantes descubrirán coreografías de ritmos clásicos como o swing e a polka, outros modernos como o disco, o funky e latinos como a bachata ou o chachachá. Así mesmo, celebrarase un taller de baile social para parellas no que non faltarán o valse, o swing e o tango, así como o chachachá, salsa ou kizomba, entre outros. As sesións terán lugar os venres en distintos horarios, arrincando coas de iniciación de linedance de 19.30 a 20.30 horas. A continuación, na franxa de 20.30 a 21.30 horas, será a quenda do grupo de nivel intermedio de linedance e, por último, irán os de baile social, de 21.30 a 22.30 horas.

As persoas interesadas en anotarse poderán pagar unha cota anual de 25 euros como socios da Asociación ou Club Alecrín, aboar a tarifa mensual de 27 euros por curso ou a de 37 euros para asistir ás dúas modalidades de linedance e baile social. Para máis información, os veciños e veciñas poden chamar ao teléfono 698 150 432 ou enviar un mail a talleralecrin@gmail.com.

Para os pequenos

A colaboración entre o Concello e a compañía suporá tamén a posta en marcha de actividades específicas para os nenos e nenas de 5º e 6º de educación primaria. A través de Xoga ao baile deportivo, a entidade involucrará ao alumnado da Pobra nesta modalidade de danza.

Esta colaboración incluirá, ademais, a celebración do Día Internacional da Danza (29 de abril). Para celebrar esta xornada, os alumnos e alumnas de Alecrín amosarán o mellor do seu repertorio nun evento para todos os públicos que xa se realizou noutras ocasións e que gaña, ano tras ano, en número de persoas participantes.

Publicacións Relacionadas