O xurado seleccionou como postal gañadora a de Dario Martín Sarmiento, alumno de 5º curso do CEIP San Francisco Xabier, que pasará a se converter na postal oficial de Nadal do Concello da Coruña deste ano
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de entrega dos premios do Concurso de Postais de Nadal 2025 en María Pita. Rey, acompañada do concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, recoñeceu o traballo dos rapaces e rapazas dos 9 centros educativos participantes a través do que se recibiron un total de 46 debuxos elaborados por alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.
O xurado seleccionou como postal gañadora a de Dario Martín Sarmiento, alumno de 5º curso do CEIP San Francisco Xabier, que pasará a se converter na postal oficial de Nadal do Concello da Coruña deste ano.
Ademais, segundo o recollido nas bases do concurso, a alcaldesa e o concelleiro fixéronlle entrega dunha Nintendo Switch 2, xunto con dous premios para o seu centro educativo: a participación na Cabalgata dos Reis Magos para a súa clase, 5ºA; e unha actuación dun mago no mes de decembro para toda a escola.
Durante o acto, tamén se fixo entrega de 10 lotes de regalos sorpresa, sorteados entre todo o alumnado participante, segundo a listaxe xa comunicada aos centros educativos. A alcaldesa, Inés Rey, destacou que “este concurso demostra o talento, a imaxinación e a ilusión coa que os nenos e nenas da Coruña viven o Nadal”.
Todos os traballos foron revisados por un xurado presidido polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, xunto con persoal municipal das áreas de Educación e Cultura.
Acendido de luces con Bebeto
Ademais do sorteo de lotes de regalos, dende o Concello realizouse outro sorteo entre os nenos e nenas participantes no Concurso de Postais de Nadal 2025 para o acendido do alumeado de Nadal con Bebeto.
Mañá, os cinco estudantes gañadores xunto con Darío M. S. acompañarán á alcaldesa e ao histórico ex futbolista do R.C. Deportivo da Coruña nun dos momentos máis especiais do inicio das festas na cidade.



