O Concello de Oleiros asinou o convenio de colaboración para o vindeiro curso escolar coas ANPA dos colexios públicos que xestionan os comedores para garantir que todos aqueles nenos e nenas de familias en situación de vulnerabilidade accedan ao comedor escolar. O Concello asume o gasto de comedor escolar destes nenos e nenas para garantir a cobertura das necesidades básicas da súa alimentación.
Inicialmente, para o vindeiro curso 2022/2023, destínase unha partida de 50.000 euros, que en caso de resultar insuficiente incrementarase. A maiores, o Concello dispón doutra liña de subvencións para os gastos de comedor das familias dos nenos e nenas que non estando nunha situación económica tan adversa precisen axuda para facilitar a conciliación familiar.