A iniciativa foi presentada hoxe polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.
O alcalde, José Manuel López Varela; a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López; a técnica de Servizos Sociais, Mari Ameijeiras; e a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Ana Aldao, presentaron esta mañá unha iniciativa pioneira consistente nun estudo para analizar o benestar emocional e a saúde mental da infancia e da adolescencia do municipio.
O rexedor explicou que se trata dun estudo que responde á preocupación municipal por esta realidade, considerando “necesario ter un coñecemento moito máis directo sobre a situación” nun ámbito especialmente sensible.
Compromiso incluído no Plan Local de Infancia
Pola súa banda, Rocío López situou o proxecto dentro do programa Cidades Amigas da Infancia e lembrou que o Concello elaborou un Plan Local de Infancia e Adolescencia. “Unha das medidas recollidas nese plan é a elaboración deste estudo sobre a saúde mental e o benestar emocional da nosa xuventude”, sinalou.
A concelleira destacou que para levalo a cabo o Concello contará coa colaboración dos centros educativos do municipio —os tres CEIPs e o IES—, aos que agradeceu a súa predisposición. Tamén subliñou a importancia de implicar a “todos os sectores relacionados coa infancia e coa adolescencia”, como asociacións deportivas e culturais ou o centro de saúde, que “seguramente tamén teña moito que dicir neste sentido”.
No caso dos nenos e nenas, a recollida de información realizarase a través de enquisas en liña ou en formato físico, mentres que co resto dos sectores levaranse a cabo entrevistas cos responsables das entidades participantes.
Proceso estruturado e baseado na evidencia científica
Mari Ameijeiras explicou que o estudo estará estruturado en diferentes fases. Nunha primeira etapa realizarase a recollida de información directa e adaptada ás distintas idades mediante un cuestionario estruturado en formato dixital que será cumprimentado polo alumnado dos centros educativos en horario lectivo. O instrumento foi deseñado a partir de diferentes escalas e evidencias científicas consolidadas, adaptadas á realidade do Concello e ás distintas etapas evolutivas co obxectivo de garantir a súa comprensión e validez. O cuestionario abordará dimensións clave do benestar como o estado emocional, a satisfacción coa vida, as relacións familiares e sociais, a experiencia no ámbito educativo, así como os hábitos de lecer ou o uso das novas tecnoloxías. Esta aproximación permitirá “non só avaliar o benestar individual, senón tamén aqueles factores sociais e comunitarios que moitas veces inflúen na infancia e na adolescencia”.
O proceso será participativo e contará coa implicación de familias, profesorado e profesionais dos ámbitos social, educativo e sanitario, a través de enquisas, entrevistas e foros de discusión. Tamén participarán os integrantes do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (EPIA), que axudarán a interpretar os resultados e a formular propostas.
Toda a información recompilada permitirá elaborar unha diagnose que oriente a acción municipal. Os resultados recolleranse nun informe técnico que servirá de base para o deseño de futuros programas e actividades de promoción do benestar emocional e de prevención das dificultades de saúde mental en idades temperás. A previsión é dar a coñecer as conclusións no vindeiro curso escolar.
Estudo pioneiro e centrado na participación
Ana Aldao referiuse no carácter pioneiro do Concello para analizar o benestar emocional e a saúde mental, subliñando que se trata dun estudo participativo no que “os protagonistas, basicamente, son as nenas, nenos e adolescentes”, xa que serán eles quen acheguen os datos.
A directora do CIM incidiu tamén na importancia da participación en consonancia co dereito recollido na Convención sobre os Dereitos do Neno e Nena, e salientou que o proxecto adopta un enfoque preventivo baseado na evidencia científica, poñendo o foco no benestar e na detección temperá de posibles dificultades nun contexto no que a saúde mental nas idades máis novas está cada vez máis presente.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa infancia e coa adolescencia e cos seus dereitos, apostando por políticas públicas fundamentadas en datos e orientadas á prevención e á promoción do benestar emocional.



