HomeA CoruñaO Concello impulsará un proxecto de emerxencia para actuar no paseo marítimo...

O Concello impulsará un proxecto de emerxencia para actuar no paseo marítimo dos Areos

- Anuncio -spot_img

A acción continuada dos temporais provocou o lavado progresivo da cimentación do muro, descalzándoa e xerando unha perda de estabilidade

O Concello da Pobra do Caramiñal impulsará un proxecto de emerxencia destinado á consolidación da cimentación do paseo marítimo dos Areos, co obxectivo prioritario de garantir a seguridade das persoas e preservar unha infraestrutura esencial para a vila.

Tras o seguimento técnico realizado nas últimas semanas, e ante a evolución dos danos existentes nun tramo aproximado de 90 metros lineais, desde o Concello consideran que é “imprescindible” actuar “de maneira urxente para reforzar o muro e evitar o seu colapso”.

O alcalde, José Carlos Vidal, subliñou que é unha medida que se adopta “considerando que é necesario actuar urxentemente para evitar o colapso da infraestrutura, o que podería causar graves danos materiais e persoais. A pesar de que entendemos que non son competencias propias, senón doutras administracións, non podemos deixar pasar máis tempo. O primordial neste caso é a seguridade dos veciños e veciñas, polo que é necesario actuar coa máxima celeridade posible”.

Entre outras cuestións, que se chegase a dar esta situación afectaría gravemente a estrada DP-6703, fundamental para a circulación peonil e viaria da vila e das edificacións e establecementos que se serven dela.

Co obxectivo de evitalo, prevese unha intervención que consiste no recalce da cimentación por bataches, penetrando 80 centímetros na rasante actual da area e procedéndose ao recheo con formigón. Este sistema xa foi empregado con anteriormente noutro tramo do paseo con éxito, polo que a actuación permitirá estabilizar temporalmente a estrutura.

Unha situación agravada polos temporais

Os informes técnicos constatan que a acción continuada dos temporais, das mareas vivas e das correntes mariñas provocou o lavado progresivo da cimentación do muro, descalzándoa e xerando unha perda significativa da estabilidade no tramo afectado.

Os episodios de fortes temporais rexistrados este inverno aceleraron esta patoloxía. Ademais, as previsións meteorolóxicas apuntan á chegada doutros novos que poderían coincidir coas mareas vivas de marzo, as máis intensas do ano, o que podería empeorar notablemente a situación e aumentar o risco de colapso.

Desde o Concello sinalan que “nestes momentos a zona afectada mantense acordoada pola Policía Local” e rogan “responsabilidade e respecto absoluto polas indicacións, xa que a prioridade absoluta das mesmas é garantir a seguridade da veciñanza”.

Publicacións Relacionadas