HomeA CoruñaA CoruñaO Concello inaugura a exposición “Mujeres, leyendas del deporte”, un tributo ás...

O Concello inaugura a exposición “Mujeres, leyendas del deporte”, un tributo ás grandes figuras do deporte feminino

- Anuncio -spot_img

A mostra reúne máis de 70 pezas icónicas de deportistas nacionais e internacionais, cun espazo destacado para referentes locais como Sofía Toro, Julia Benedetti e Elena Roca

A alcaldesa, Inés Rey, interviu este mércores no acto de inauguración da exposición “Mujeres, leyendas del deporte”, unha mostra que rende homenaxe ás grandes protagonistas do deporte feminino nacional e internacional. O evento contou tamén coa presenza do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, así como con representantes do tecido deportivo, educativo e cultural da cidade.

A exposición poderá visitarse ata o 23 de novembro na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, e recolle máis de 70 pezas orixinais, entre equipamentos, obxectos icónicos e materiais históricos, de deportistas como Carolina Marín, Mireia Belmonte, Lydia Valentín, Ruth Beitia, Alexia Putellas, Nadia Comaneci ou Simone Biles. Tamén incorpora un espazo específico dedicado a figuras locais como Sofía Toro, Julia Benedetti e Elena Roca, referentes do deporte de elite coruñés.

Durante a súa intervención, Inés Rey destacou que a mostra “é tamén un exercicio de memoria e de xustiza coas deportistas que abriron camiño, mulleres que demostraron que o talento, a paixón e a disciplina non teñen xénero”. A rexedora puxo en valor o papel transformador do deporte e o compromiso da cidade coa igualdade real no ámbito deportivo.

Ademais, a alcaldesa subliñou que a exposición “axuda a poñer rostro ás mulleres que fixeron historia no deporte, pero tamén serve para inspirar ás nenas e mozas que, moitas veces, carecen de referentes visibles. A igualdade tamén se constrúe ofrecendo exemplos reais de éxito feminino”.

A exposición forma parte da programación municipal de novembro con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e poderá visitarse de balde no horario habitual da sala, situada na rúa Durán Loriga.

Publicacións Relacionadas