HomeA CoruñaO Concello inicia a modernización da frota de vehículos para a recollida...

O Concello inicia a modernización da frota de vehículos para a recollida do lixo, coa incorporación de nove camións recolectores de carga lateral

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato, financiado con fondos europeos Next Generation cun investimento de 2,8 millóns

O Concello dá un paso adiante no plan de modernización da frota de vehículos asociados ao servizo de recollida do lixo, que proximamente incorporará nove novos camións recolectores de carga lateral nos que se investirán 2,8 millóns de euros, financiados con fondos europeos Next Generation.

O subministro destes nove vehículos foi aprobado esta mañá pola Xunta de Goberno Local, que deu luz verde á adxudicación do contrato á empresa Volvo Trucks España. Desta forma, o Executivo local avanza coa súa folla de ruta para aplicar a normativa medioambiental da UE no conxunto dos servizos municipais, co obxectivo de gañar en eficiencia no referente á xestión dos residuos e o seu posterior tratamento.

No tocante aos nove camións que se incorporarán á frota existente, a oferta presentada pola adxudicataria foi valorada tanto polo incremento da garantía presentada —os pregos estipulan tres anos e a empresa comprometeu dous anos adicionais— e pola homoxeneidade dos vehículos, todos eles modelos FE42 cun peso de 18 toneladas e dotados dunha tecnoloxía motriz diésel.

Estes camións están concibidos para a recollida separada e o transporte de biorresiduos.
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé no traballo de continuidade que vén desenvolvendo o Concello para mellorar os procesos de recollida e separación en orixe do lixo. Isto inclúe o contrato adxudicado hoxe, “mais tamén a implantación progresiva do quinto contedor para a fracción resto e a recente licitación da planta de tratamento de residuos de Nostián, que sae a concurso a 25 anos vista e que plantexa non só a mellora de procesos na planta, senón tamén unha remodelación profunda das instalacións e os seus equipamentos, que permita incrementar as porcentaxes de recuperación de residuos e tamén adaptar as instalacións ás necesidades do persoal traballador”.

Publicacións Relacionadas